Moscova sostén que acabou coa incursión na fronteira con Ucraína

Kíiv reitera que aínda controla partes de Bakhmut, entrementres, as autoridades rusas comunican que rexeitaron a incursión militar que atribúen a Ucraína.
Mísiles sen estoupar (Khersón). (Foto: Michael Brochstein / Zuma Press Wi / DPA)
photo_camera Mísiles sen estoupar (Khersón). (Foto: Michael Brochstein / Zuma Press Wi / DPA)

O Ministerio de Defensa ruso trasladou esta terza feira que a incursión na rexión de Belgorod, nos lindes con Ucraína, foi “derrotada”, apuntando que “máis de 70 terroristas, catro vehículos blindados e cinco camións foron destruídos”. Amais, acusou Kíiv de “levar a cabo accións terroristas contra a poboación civil” despois de perder Bakhmut, no oblast de Donetsk, e anunciou a fin da alerta terrorista na zona.

Á vez, Ucraína negou calquera responsabilidade no ataque que comezou a segunda feira e insistiu en que grupos armados rusos contrarios ao presidente Vladimir Putin están detrás do ataque, que deixou un civil morto e doce feridos segundo TASS, e levou a evacuar as persoas residentes en nove localidades, con cortes na subministración de electricidade en 12 vilas.

Ao respecto de Bakhmut, Kíiv rexeitou máis unha vez que as forzas rusas controlen toda a cidade, algo que foi confirmado polos medios especializados, que salientan que nos flancos da urbe é onde se concentra o groso dos combates neste momento.

Aliás, o Alto representante da Unión Europea (UE) para Política Exterior, Josep Borrell, informou de que os Estados membros entregaron a Ucraína 220.000 proxectís de artillaría e 1.300 mísiles dos seus propios arsenais, así como que até 20.000 soldados ucraínos foron adestrados no bloque comunitario.

Pola súa parte, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte, Jens Stoltenberg, aplaudiu a aprobación estadounidense á exportación a Kíiv de cazas F-16 e o comezo do adestramento de pilotos ucraínos en varios países membros da alianza militar liderada por Washington.

Xa en Gagauzia, unha rexión autónoma en Moldova cun apoio maioritario a Rusia, o Tribunal de Apelacións de Comrat, a capital, validou os resultados das eleccións do 14 de maio que escolleron a Evghenia Gutul como gobernadora polo Movemento Socio-Político Republicano Igualdade, despois de que as autoridades de Chisinau, a favor da UE, intentaran invalidar os comicios denunciando compra de votos, para o que ordenaron que a Policía asaltara a semana pasada as oficinas electorais da rexión.

Indo-Pacífico

No que atinxe a Papúa Nova Guinea, que asinou a segunda feira un acordo de defensa con Estados Unidos no marco do intento de expansión no Indo-Pacífico para enfrontar a China, o primeiro ministro, James Marape, ratificou que o pacto prohibe as “operacións militares ofensivas” e subliñou que o país oceánico non será utilizado como base para “lanzar unha guerra”.

Comentarios