Daniel Seixo: "Damos por certas as informacións dos EUA e esquecemos o papel que xogaron en Iraq"

O sociólogo e xornalista Daniel Seixo protagonizou esta cuarta feira en Compostela o relatorio 'Quen ameaza quen. Chaves no conflito na Ucraína', organizado polo colectivo internacionalista Mar de Lumes. Antes de intervir atendeu 'Nós Diario' para sinalar as causas, e as consecuencias, da aguda crise entre a OTAN e Moscova.
O sociólogo e xornalista Daniel Seixo atendeu 'Nós Diario' antes de impartir unha palestra sobre o conflito en Ucraína (Foto: Arxina).
photo_camera O sociólogo e xornalista Daniel Seixo atendeu 'Nós Diario' antes de impartir unha palestra sobre o conflito en Ucraína (Foto: Arxina).

—Esta segunda feira o presidente ruso, Vladimir Putin, asinou o decreto que recoñece a independencia das repúblicas de Donetsk e Lugansk, na rexión do Donbass, no leste de Ucraína. Que supón este movemento no marco do conflito que se está a producir?

Hai que ter en conta, en primeiro lugar, que Donetsk leva vivindo unha guerra desde hai moito tempo. Os Acordos de Minsk foron totalmente ignorados por parte de Ucraína, que bombardeou posicións inimigas e utilizou armamernto pesado e batallóns como o Azov, do que forman parte militantes de extrema dereita que perseguen á poboación pola sua etnia ou cultura.

Por tanto, Rusia reacciona ante a negativa total e absoluta a cumprir os Acordos de Minsk. Intentou por todas as vías que saíse adiante para tomar medidas como quitar armas pesadas, facer eleccións nestas rexións e, especialmente, dar a garantía da autonomía para elas e o respecto da súa cultura. Cando se chega finalmente a un punto morto e seguen os bombardeos e violacións do alto o fogo diarias, digamos que a única opción que lle quedaba a Rusia sen intervir directamente de forma militar, como quería Occidente, era este recoñecemento das repúblicas para enviar tropas de paz e intentar dese modo disuadir Ucraína de usar as armas que enviaba Occidente.

—Os principais medios de comunicación estadounidenses e europeos, porén, apuntan a un "pretexto" de Rusia para invadir Ucraína.

Esta é unha guerra aberta na que a desinformación xoga un papel moi importante, non só no conflito, senón durante todo o Euromaidán [en 2014], cando unha das principais preocupacións era crear medios de comunicación en Ucraína que retransmitisen a visión que eles querían dar ao mundo das protestas. Lembramos que foron moi importantes diferentes medios logo vencellados á extrema dereita para que as protestas recruasen, e cando Viktor Yanukovych [ex presidente ucraíno] gobernaba facían ver que estaba disposto a sentar a negociar. Desde entón, a guerra propagandística é brutal.

Eu animo a calquera persoa a que siga durante unha semana os medios de comunicación occidentais para ver como todos coinciden e dan unha mesma visión, totalmente favorábel aos intereses da OTAN. E tamén cómpre ler outros medios como Russia Today, Telesur, as canles chinesas... para coñecer a outra visión dos feitos. Mais é evidente que desde o primeiro momento están vendendo a versión de que Rusia vai invadir Ucraína malia que hoxe iso segue sen producirse, e no entanto si se produciron diversos ataques de Ucraína con armas da OTAN contra o Donbass.

—De feito, cando os principais medios occidentais falan dos EUA ou a Unión Europea semellan dar toda a credibilidade aos seus gobernantes... Recibe o Goberno ruso un trato diferente?

Unha das principais vías que hai para mobilizar os diferentes estados é demonizar o líder e consideralo pouco fiábel. Isto sucede con Rusia, vemos que calquera pode acceder aos medios rusos aa través das súas redes sociais, controladas obviamente polos EUA, e as súas publicacións levan a etiqueta de "Medio afiliado ao Goberno de Rusia". Mais iso tamén podería suceder, por exemplo, con TVE, que é unha canle pública que retransmite a visión do Goberno español.

Damos por certas as informacións dos EUA e esquecemos o papel que xogou o seu Goberno, e a propia relación coa prensa, en Iraq coas "armas quimicas", ou como o Goberno español xogou cos medios tras os atentados do 11-M. E esta semana vimos como os chíos [en Twitter] de Josep Borrell, Ursula Von der Leyen ou Charles Michel comezaban exactamente igual, teñen un modelo que utilizan para dar sempre o mesmo tipo de información. A desinformación afecta todos os gobernos e temos que ser conscientes de que os dous "bandos" teñen cadansúa estratexia informativa propia; facer pasar a información do Goberno ruso por "menos fiábel" é inexplicábel.

—Neste conflito, polo que comenta, a desinformación xoga un papel crucial.

Simplemente temos que pensar que no Estado español están a falar da posíbel guerra en Ucraína mentres no Sáhara Occidental o Gob marroquí está aplastando calquera tipo de expresión democrática do pobo saharauí, e ninguén fala do Iemen nin do que segue a suceder en Siria. Tampouco fala ninguén do que ocorre en Palestina, cunha violación diaria dos dereitos humanos... A desinformación é hoxe unha das principais armas dos gobernos.

—A cuestión de fondo neste conflito é a posibilidade de que Ucraína entre na OTAN. Que implicaría esta decisión?

A maior parte dos países que antes formaban parte do Pacto de Varsovia entraron xa na OTAN, e este mesmo ano vemos que outros estados [non integrados na OTAN] como Taxiquistán, Armenia ou Belarús sufriron conflitos. Están a arrodear Rusia e a entrada de Ucraína sería o paso definitivo para a guerra. Coido que é unha liña vermella que Moscova non vai permitir cruzar. Cómpre lembrar que países como Alemaña ou Francia, no cumio de Romanía, declaráronse en contra da entrada de Ucraína na OTAN; non entendo este cambio de postura que non atende os intereses propios de Europa.

Temos que atender ao cambio xeopolítico na estratexia dos EUA, que pasaron dun líder 'desquiciado' e polémico como Donald Trump, que os afectaba a eles  internamente pero era menos partidario das inxerencias, a Joe Biden, que nos venderon como "moi neutral" e que quizais non dá 'problemas' nos EUA —ou non está no foco mediático, porque segue habendo represión da poboación afroamericana e problemas económicos— pero no campo exterior a súa politica ponnos ao bordo dun conflito que, coido que temos que ser conscientes, se daría nunha escala moi ampla, mesmo nuclear no peor dos casos.

Comentarios