Trump indulta os causantes dun masacre en Bagdad

A decisión de indultar a membros da empresa  Blackwater responsábeis dunha matanza de civís en Iraq causou garnde indignación.
Paramilitares da empresa Blackwater (Europa Press)
photo_camera Paramilitares da empresa Blackwater (Europa Press)

O aínda presidente dos Estados Unidos de América (EUA), Donald  Trump provocou indignación tras a súa decisión de indultar a congresistas republicanos corruptos e a exagentes da firma amiga Blackwater, condenados por matar a 14 civís nun masacre en Bagdad no ano 2007. A decisión fíxose efectiva esta pasada segunda feira aínda que transcendeu esta quinta.

Fontes gobernamentais de Iraq expresaron a súa indignación pola liberación dos catro contratistas de seguridade da empresa Blackwater que foron condenados por asasinato e homicidio hai seis anos polo masacre da praza Nisur.

Os catro condenados que sairán da cadea, todos exmilitares estadounidenses, abriron fogo sen provocación na concorrida praza en 2007 nun incidente que deixou polo menos 14 civís mortos -aínda que as autoridades iraquís elevaron o número de vítimas a 17-, á vez que feriron a varios máis. O ocorrido tensou profundamente as relacións entre EUA e Iraq. O dono desta empresa é Erik Prince, un coñecido aliado de Trump e irmán da secretaria de Educación do seu executivo, Betsy DeVos.

"Sabía que nunca obteriamos xustiza", dixo á AFP Fares  Saadi, o oficial de policía iraquí que dirixiu as investigacións. Mesmo desde o exército norteamericano xurdiron as críticas e un xeneral estadounidense retirado Mark Hertling, que serviu en Iraq, cualificou o indulto como "atroz e repugnante". 

Indultos a deputados e persoas  de confianza

Ademais, Trump tomou a decisión de indultar a Paul Manafort, condenado en 2018 como parte dunha investigación sobre unha suposta intervención de Rusia nas eleccións presidenciais de EUA en 2016. Manafort evitará cumprir a maioría dos sete anos e medio de prisión aos que fora condenado.

Ademais queda en liberdade Charles Kushner, pai de Jared  Kushner, conselleiro da Casa Branca e esposo da filla do presidente, Ivanka Trump. Kushner é un magnate dos bens raíces quen en 2004 foi sentenciado a dous anos de prisión acusado de evasión de impostos, delitos de financiamento de campañas e manipulación de testemuñas.

Os cargos de manipulación de testemuñas xurdiron das represalias de Charles Kushner contra o seu cuñado, que estaba a cooperar coas autoridades na súa contra.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios