Von der Leyen prégase a Trump e insiste en aumentar en 400% o gasto militar
Ursula von der Leyen vén de presentar no Parlamento europeo unha serie de modificacións á proposta do Marco Financeiro Plurianual (MFP), denominación empregada pola terminoloxía comunitaria para referirse aos seus orzamentos plurianuais, co obxectivo de sumar os apoios necesarios para sacar adiante as contas da Unión Europea (UE) para o período 2028-2034. Porén, os cambios introducidos non son considerados suficientes por boa parte dos Estados, entre eles o español e por algúns grupos parlamentarios, quen rexeitan a alternativa.
O Marco Financeiro Plurianual ten aínda un longo proceso de máis de dous anos por diante para ser aprobado definitivamente, mais a nova proposta formulada por Ursula von der Leyen sitúa a súa discusión nuns novos termos. Neste sentido, as fontes comunitarias entenden que as ideas centrais recollidas nesta última alternativa da Comisión Europea serán de difícil modificación porque atenden ás prioridades políticas básicas do Executivo da Unión Europea, onde as políticas de defensa e de incremento do gasto militar pasan a ser a cuestión chave conforme ás orientacións marcadas por Estados Unidos e pola OTAN.
A proposta de contas plurianuais da Comisión Europea non deixa dúbidas ao respecto. Así, o gasto militar increméntase en 104.800 millóns de euros co obxectivo de impulsar un plan de rearme por unha contía de 800.000 millóns, sumando o investimento en Defensa 131.000 millóns de euros, o que implica unha alza dos fondos dedicados a armamento dun 400% e representan perto do 8% do orzamento comunitario para o período 2028-2034. Neste sentido, Von der Leyen defende esta alza do gasto militar asegurando que o orzamento actual "fora deseñado para un mundo que xa non existe, o mundo de 2020".
O gasto militar obriga a pasar tesoira a algunhas das partidas máis importantes do orzamento comunitario. Así, por exemplo, os fondos de cohesión, dirixidos a favorecer a converxencia entre os diferentes territorios da Unión Europea e cuxos destinatarios principais son as rexións menos desenvolvidas, vense tamén recortados, caendo de 330.000 millóns de euros no orzamento 2021 a 2027 a 218.000 millóns no proxecto de contas de 2028 a 2034, o que significa unha rebaixa de 34%. Sen ir máis lonxe, no primeiro período Galiza recibiu fondos de cohesión por unha contía de 3.500 millóns de euros.
A agricultura é outra das grandes damnificadas do proxecto de contas da Comisión Europea. A proposta de Marco Financeiro Plurianual (MFP) destina á Política Agraria Común (PAC) no período de 2028 a 2034 unha contía 302.000 millóns de euros, o que representa unha rebaixa de 21,7% en relación cos presupostos de 2021 a 2027, que achegaban á PAC fondos por unha cantidade 386.000 millóns de euros. Malia que a drástica redución de fondos para a actividade agraria a xerou importantes protestas do sector, Von der Leyen insiste en manter esta dotación de fondos.
As organizacións agrarias cargaron esta quinta feira contra a Comisión Europea pola súa proposta en relación coa PAC. Así, por exemplo, a Unión de Pequenos Agricultores (UPA), asociación na que está integrada Unións Agrarias, reclama que "se reformule completamente a proposta" e que a PAC non perda “nin un euro máis”. Na mesma dirección, a asociación Xovenes Agricultores cualifica a nova proposta de Von der Leyen como un exercicio de "maquillaxe política" e defínea como "unha manobra destinada a conter o malestar político sen ofrecer solucións reais".
A redución de fondos da PAC e de desenvolvemento rural e o incremento do gasto militar é sintomático do xiro radical nas políticas da Unión Europea. Neste punto, diversos analistas, como Andrés Piqueras, entenden que o novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) é unha expresión da subordinación da Europa comunitaria a Estados Unidos.

