A mocidade abandona masivamente Ucraína fuxindo do recrutamento forzoso ordenado por Zelenski
Os socios da OTAN do Goberno ucraíno observan con preocupación a negativa da mocidade ucraína a alistarse no exército. A este respecto, a prensa occidental alerta dunha situación crítica se non se reverte a tendencia.
O xornal británico The Telegraph, coñecido tradicionalmente por actuar como portavoz oficioso dos servizos secretos ingleses do MI5, titulaba o pasado 31 de outubro, nunha crónica asinada polo xornalista de guerra e un dos maiores especialistas do Reino Unido no leste de Europa, Owen Matthews, que "o éxodo de mozos ucraínos podería ser fatal".
A peza Matthews desvelaba que "a mocidade está abandonando o país en masa, o que é unha nova potencialmente fatal para a estratexia militar ucraína". Na mesma dirección, afirmaba que "a tensión provocada pola mobilización forzosa está alcanzando un punto crítico".
Matthews, citando fontes da intelixencia británica e ucraína, aseguraba que "a crise de persoal xera a Zelenski non só un dilema militar, senón tamén político". Neste punto, destacaba que desde finais de agosto de 2025 "abandonaron o país pola fronteira de Polonia 100.000 persoas" entre 18 e 22 anos.
20.000 desertores mensuais en Ucraína
A información de Matthews, fillo dunha ucraína e moi crítico coa política do Kremlin, está en liña coa ofrecida nas últimas semanas por diversos medios occidentais. Neste sentido, as propias cifras ofrecidas polo Executivo ucraíno no Parlamento no mes de setembro falaban dun media de 20.000 desertores ao mes.
A negativa da poboación a alistarse no exército é un motivo de permanente preocupación para o Executivo ucraíno. Así, a Fiscalía dese país ten abertas 290.000 causas penais por deserción desde 2023, téndose acelerado os procedementos xudiciais no último ano.
A última liña de defensa de Ucraína no Donetsk
A falta de persoal para cubrir as necesidades militares prodúcese para Ucraína no seu peor momento desde o comezo do conflito con Rusia en 2022. Nas últimas semanas, as tropas do Kremlin cercaron e iniciaron a toma da cidade Pokrovsk, para os rusos Krasnoarmiisk, principal fortaleza militar de Ucraína na rexión de Donetsk.
Os responsábeis militares da OTAN e de Rusia coinciden en sinalar que a caída Pokrovsk en mans rusas entregaría o control de todo Donetsk ao Kremlin e abriría a porta a que as súas tropas avanzaran sen obstáculo algún até o interior de Ucraína, por situarse alí a última liña de defensa do Goberno de Kíiv.