mércores 28/10/20

O virus dispárase en Madrid e o descontrol anega o Goberno rexional, mais o Estado descarta intervir

O Goberno madrileño asume que a situación epidemiolóxica "está empeorando" 
A presidenta da comunidade de Madrid, a popular Isabel Díaz Ayuso, na Cámara autonómica (Imaxe: Europa Press)
A presidenta da comunidade de Madrid, a popular Isabel Díaz Ayuso, na Cámara autonómica (Imaxe: Europa Press)

O caos político e o descontrol epidemiolóxico no que se atopa Madrid fan soar todas as alarmas nas periferias do Estado, tendo presente a relevancia que a capital xogou na propagación do virus na primeira onda da pandemia ao Goberno español negarse a fechar a rexión. E é que a comunidade madrileña leva semanas acumulando a maior incidencia da Covid-19 por cada 100.000 habitantes, cun continuado crecemento sostido dos contaxios e cuadriplicando nalgunhas zonas a media estatal.

A inacción do Executivo rexional, presidido pola popular Isabel Díaz Ayuso, sumada á tardía adopción de medidas (foi a última comunidade en facer obrigatorio o uso das máscaras) deixan un claro resultado: das 12 grandes cidades do Estado con máis positivos, 11 están en Madrid, que rexistra ao día un de cada tres positivos notificados a nivel español. 

A situación epidemiolóxica da Galiza e do resto do Estado dependerá das medidas que se tomen na capital. Porén, na Moncloa non teñen previsto actuar en Madrid, pese a recoñeceren preocupación ante a situación da comunidade, e limítanse a reclamar a Ayuso "medidas adicionais". 

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, apurou Madrid a "facer o que faga falla para controlar a situación”, descargando a responsabilidade sobre a presidenta popular. De facto, a vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, asegurou que no Goberno están "preocupadas, vixiantes e dispostas a apoiar" o Executivo de Ayuso en todas as medidas que adopte para facer fronte ao avance da pandemia na rexión, xa que, segundo recalcou, son eles os que teñen as competencias, e non poden "pisalas".

"Veremos se esas medidas parecen suficientes para axudar e arroupar e, se non, estaremos na coordinación e na axuda leal, pero xustamente porque este asunto afecta fundamentalmente a Madrid o Goberno de España ten que esperar a ver que decide Madrid, rapidamente para coordinarnos e axudar en todo o posíbel", sostivo Calvo. 

Pola contra, o vicepresidente da comunidade, Ignacio Aguado (Ciudadanos), recoñeceu que a situación na rexión está "empeorando" e manifestou que é "urxente e necesario" que o Goberno estatal se implique.

Caos político

O Goberno de Ayuso forzou onte a quen era home de confianza da presidenta e actual viceconselleiro de Saúde Públca, Antonio Zapatero, a gravarse nun vídeo "matizando" as súas palabras de antonte, nas que aludía a necesidade de confinar os barrios de Madrid máis prexudicados polo virus. Zapatero negouse a rectificar e a gravarse, e finalmente o audiovisual viu a luz, mais quen apareceu nel foi o conselleiro de Saúde e non Zapatero. 

comentarios