O uso da máscara podería estar a funcionar como unha protovacina

Segundo un estudo publicado no New England Journal of Medicine, isto explicaría que non haxa máis mortes nesta segunda vaga.
EuropaPress_3307617_vuelta_cole
photo_camera A utilización da máscara reduce a carga viral, mais permite que o coronavirus se propague, aumentando as infeccións sen síntomas (Vithas / Europa Press)

O beneficio de usar a máscara para conter o coronavirus estaría non tanto en que se frea a súa entrada no organismo senón en que precisamente permite que se expoña a el. Segundo defenden os profesores Monica Gandhi e George W. Rutherford, da Universidade de California en San Francisco (UCSF), o uso da máscara podería estar a funcionar como unha protovacina até que se consiga unha vacina real.

Nun estudo publicado en New England Journal of Medicine, explican que a utilización desta protección sobre a boca e o nariz reduce a carga viral, mais permite que o novo coronavirus se propague, aumentando as infeccións sen síntomas. 

As infeccións asintomáticas xeran células T (do sistema inmune) máis fortes e durante certo tempo lógrase obter inmunidade contra o SARS-CoV-2.

Combate de boxeo

As vacinas tradicionais funcionan inxectando pequenas cantidades do patóxeno para inmunizar os pacientes. Estes virus debilitados fan que o organismo xere anticorpos ao provocar unha forma leve da enfermidade. Como un sparring que prepara o boxeador para un combate, a vacina fai que o organismo estea adestrado para atacar o virus cando este chegue con toda a súa intensidade.

Gandhi e Rutherford cren que as máscaras poden contribuír a unha forma de "variolización", unha técnica anterior ás vacinas, que consistía en expor o paciente san ao virus da varíola de forma controlada.

Polo tanto, o uso cotián da máscara nos espazos fechados como supermercados ou medios de transporte permite que ao ter contacto cunha persoa contaxiada co novo coronavirus, a exposición se produza en moito menor cantidade, mais a necesaria para que o sistema inmunolóxico se active e comece a adestrar para un hipotético combate de boxeo futuro.

Despois da exposición a esta baixa carga viral, a persoa afectada podería chegar a conseguir unha inmunidade a Covid-19, polo menos durante un certo período de tempo.

O estudo explica que o beneficio de que haxa máis contaxios asintomáticos é dobre: reducir os casos graves e os falecementos e contribuír á chamada inmunidade de rabaño. Ademais, explicaría ─segundo os investigadores─ que o aumento de casos en moitos países non vaia parello cun aumento das mortes.

Comentarios