Violencia policial nos EUA, 3 persoas asasinadas diariamente

En 2015 morreron por disparos da policia 1.146 persoas, segundo o estudo The Counted publicado por The Guardian

black-lives-matter-atl

Os asasinatos de Philando Castile (Minnesota) e Alton Sterling (Louisiana), dous mozos negros abatidos por disparos da policía, volve focar a atención na violencia policial que atinxe os EUA mais tamén sobre o racismo que impera aínda na sociedade estadounidense. 

Un estudo publicado polo diario inglés The Guardian cifra en 1.146 as persoas asasinadas por disparos da policía en 2015 o que supón un promedio de tres ao día. De entre elas, 306 eran negras, 195 hispanas, 13 nativas americanas, 24 asiáticas e 581 brancas. 

Nos primeiros sete meses de 2016 o número elévase a 569. De acordo co reconto de The Guardian 137 eran negras. Así as cousas, os dados son dispares. Neste senso, os publicados polo Washington Post sitúan en 509 as persoas asasinadas das que 123 eran afroamericanas. En troca, o Mapping Police Violence fala de 187 persoas negras asasinadas, 346 no 2015.

Os estudos publicados revelan que a probabilidade de que unha persoa negra sexa asasinada pola policía multiplícase por tres a respeito das brancas sendo que a comunidade negra representa apenas o 13% da poboación. Unhas cifras recoñecidas polo propio presidente dos EUA, Barack Obama, na comparecencia pública após os asasinatos de Castile e Sterling. 

No 97% dos casos non se presentan cargos criminais contra os axentes responsábeis dos asasinatos

Black lives matters [As vidas dos negros importan] foi o lema que percorreu algunhas das principais cidades estadounidenses no marco das mobilizacións e vixilias convocadas como mostra de rexeitamento á violencia policial, especialmente contra a comunidade negra. Un movemento xurdido através da rede e que tomou as rúas. Foi iniciado por tres mulleres, Alicia Garza, Opal Tomezi e Patrice Cullors.

E é que a impunidade dos corpos policiais continúa a ser a norma. Segundo os dados publicados por Washington Post e Mapping Police Violence, no 97% dos casos non se presentan cargos criminais contra os axentes. 

Comentarios