A non imputación do policía que matou a Michael Brown desencadea graves disturbios en EUA

O gran xurado considera que non hai probas de abondo para xulgar o axente que en agosto matou a tiros a un adolescente negro desarmado. Os protestos deixan unha trintena de detidos e unha ducia de edificios queimados.

ferguson1 (1)

Darren Wilson, o policía branco que en agosto matou a tiros en Ferguson a Michael Brown, un mozo de 18 anos que estaba desarmado, non irá a xuízo. O fiscal do condado de San Luis anunciou o fallo do gran xurado (composto por 9 brancos e 3 negros) no que se afirma que non hai probas de abondo que xustifiquen imputar a este axente. A reacción, en forma de disturbios, manifestacións e indignación, non se fixo esperar. En Ferguson incendiáronse unha ducia de edificios e varios coches da policía, para alén de se producir enfrontamentos coa policía en diversos barrios. Hai case unha trintena de detidos. A Forza Aérea de Estados Unidos decretou a zona exclusiva aérea sobre esta localidade do medio oeste estadounidense. A policía da localidade recoñece que houbo ducias de disparos nestas horas.

Mais non só en Ferguson (Missouri) houbo enfrontamentos. Con diversa intensidade, os disturbios tamén aconteceron en pontos de Seattle, New York, Los Ángeles, Chicago ou Oakland, entre outros. A familia de Brown fixo un chamamento á calma: “Non é axeitado responder á violencia con violencia”. O presidente estadounidense Barack Obama recoñeceu que a sentenza podía non ser agradábel para moita xente, para engadir que “con vandalismo e rompendo xanelas” non se vai solucionar nada

“É a nosa guerra racial”

As palabras máis contundentes foron pronunciadas pola senadora afro-americana Maria Chappelle, que denunciou a existencia de “racismo institucionalizado” e apuntou a que os disturbios amosan que se está nunha situación que é “a nosa guerra racial”. Unhas palabras que son partilladas por gran parte da mocidade negra. A brutalidade policial para con este sector da poboación non é algo excepcional. De feito, desde que a comezos de agosto acontenese o 'caso Brown' xa morreron a mans da policía varios mozos negros, como Kajieme Powell, tamén en Ferguson.

Comentarios