As saídas de Madrid por estrada subiron 16% no último día antes do feche perimetral

Madrid está fechada por ponte, mais son moitas e moitos os que xa saíron da comunidade até horas antes de entrar en vigor o confinamento perimetral. Onte, quinta feira 30 de outubro, auementou o tráfico nas saídas da rexión até 16% e Galiza segue aberta por decisión de Alberto Núñez Feixoo. 

Control de estrada en Castela A Mancha (Foto: E. Parra / Europa Press)
photo_camera Control de estrada en Castela A Mancha (Foto: E. Parra / Europa Press)

A presidenta da Comunidade de Madrid, a popular Isabel Díaz Ayuso, vai por libre e puxo o feche sobre Madrid só durante a ponte: desde as 00 horas desta sexta feira, 30 de outubro, até a fin dos feriados na capital, as 00 horas da próxima terza, 3 de novembro. Con todo, moitas e moitos son os que xa saíron da comunidade.

Onte, quinta feira, os desprazamentos en automóbil nas saídas da comunidade de Madrid aumentaron 16% respecto á quinta feira do 8 de outubro, segundo sinalan desde a Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

Coincidindo con esa operación saída, nas zonas máis próximas a Madrid de Ávila, onde madrileños teñen segundas residencias, aumentaron as denuncias por incumprimento do recoller obrigatorio, habendo 43 (normalmente hai 3 ou 4). Estes incumprimentos protagonizáronse ademais na súa maioría por madrileñas e madrileños.

A pandemia vai en aumento no Estado

O Ministerio de Sanidade confirmou 25.595 novos casos da Covid-19, 9.723 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Isto supón un notábel ascenso con respecto aos 19.851 do mesmo día da semana anterior.

A cifra global de contaxios no estado elévase xa a 1.185.678 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días sitúase en 485, fronte aos 468 de onte e os 361 da sexta feira anterior, cun total de 228.208 positivos nas pasadas dúas semanas.

Dos 9,723 novos positivos diagnosticados, 643 foron na Galiza, 601 producíronse en Andalucía, 1.199 en Aragón, 435 en Asturies, 83 en Balears, 102 en Canarias, 179 en Cantabria, 213 en Castela-A Mancha, 52 en Castela e León, 1.578 en Catalunya, 73 en Ceuta, 140 en Valencia, 488 en Estremadura, 1.867 en Madrid, 56 en Melilla, 37 en Murcia, 637 en Navarra, 1.173 en Euskadi e 167 na Rioxa.

Na última semana, faleceron 857 persoas con diagnóstico da Covid-19 positivo confirmado no Estado, unha gran suba en comparación cos 655 notificados hai unha semana e os 790 de onte. Até 35.878 persoas con PCR positiva faleceron desde que o virus chegou ao Estado.

Comentarios