As medidas actuais, di Illa, poden evitar o confinamento domiciliario

O decreto de estado de alarma que o Congreso prorrogou esta semana non cobre o confinamento domiciliario e faría falla unha norma nova para permitilo. Porén, o ministro de Sanidade é optimista e considera que coas actuais restricións non será necesario repetir o esquema da primavera. Así dixo no día en que Francia se reconfinou de novo. 
A secretaria de Estado de Sanidade, Silvia Calzón, e o ministro Salvador Illa, ante os medios (Fotos: J. Hellín / Europa Press)
photo_camera A secretaria de Estado de Sanidade, Silvia Calzón, e o ministro Salvador Illa, ante os medios (Fotos: J. Hellín / Europa Press)

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, explicou esta sexta feira, 30 de outubro, que o estado de alarma vixente non permite aplicar a medida dos confinamentos domiciliarios que algunhas comunidades, como Castela e León ou Catalunya xa están estudando se a situación da pandemia do coronavirus non mellora.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en resposta a Nós Diario non desbotou antonte esta medida de a situación se complicar, aínda que cos resultados actuais -na quinta feira- non o vía preciso. 

É dicir, de ter que pór en marcha esta medida, faría falla aprobarse un novo marco xurídico. Con todo, o ministro mostrouse convencido de que "non vai ser necesario chegar aí" grazas ás medidas "contundentes" que os Gobernos autonómicos si poden desenvolver dentro do estado de alarma actual, que son o confinamento nocturno, os fechamentos perimetrais das autonomías ou a limitación das reunións e a mobilización de recursos.

Nese sentido, Illa defendeu en varias ocasións que o marco legal que ofrece o estado de alarma -en vixencia até o 9 de maio- "non vai quedar obsoleto nin está xa obsoleto. É un instrumento que ofrece aos presidentes autonómicos a posibilidade de actuar en catro ámbitos moi relevantes", remarcou, en relación ás catro medidas antes mencionadas. Así, insistiu en que o estado de alarma ofrece, tal e como está deseñado, un "marco estábel" e suficiente para dobregar a curva. "Estou seguro de que estas medidas van dar o seu froito", defendeu.

Feixoo e Ayuso van por libre

Galiza e Estremadura son as únicas comunidades sen blindar -alén das illas que, por razóns evidentes, carecen de acceso por terra-. O presidente da Xunta, sen tomar decisións ao respecto, aludiu a que, de facto, Galiza estaba blindada dado que Asturies, León e o norte de Portugal ficaban fechadas.

A que tamén vai por libre é outra presidenta popular, a de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que finalmente decretou o confinamento perimetral da rexión pola ponte (desde esta sexta feira, 30 de outubro á vindeira terza), pese a que o decreto de alarma estabelece que os fechamentos han de ser, como mínimo, de 7 días.

Comentarios