Varias comunidades endurecen as restricións para fin de ano

As comunidades revisan as restricións para as celebracións nos fogares de fin de ano e Aninovo. Nafarroa únese á prohibición da entrada de familiares e achegados no seu territorio e en Balears apagan luces de Nadal para baleirar as rúas. Mentres, cinco casos da nova variante do coronavirus súmanse en Andalucia aos casos xa detectados en Madrid.  
O Govern balear pide aos concellos adiantar o apagado do alumeado de Nadal evitar aglomeracións.
photo_camera O Govern balear pide aos concellos adiantar o apagado do alumeado de Nadal evitar aglomeracións (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)

Os desprazamentos de persoas achegadas e familiares entre comunidades autónomas para acudir ás celebracións do 24 e 25 de decembro non se repetirán na segunda parte do Nadal -fin de ano e Aninovo- nalgúns territorios como Nafarroa, a primeira en unirse ás restricións xa mantidas na Noiteboa polo País Valencià (prohibe a entrada de familiares e achegados doutras comunidades) e Castela e León (permite o acceso de familiares e non de achegados).

O Goberno de Nafarroa reduce de 10 a seis o máximo de persoas que se poden reunir nos fogares nas festas e han de ser, como máximo, de dúas unidades de convivencias distintas.

Ademais, o recoller obrigatorio non será ás 1.30 horas como na pasada semana, ficando ás 23 horas para fin de ano. 

Apagado de luces

Quen tamén endurece as medidas é o Govern balear, que desde a terza feira, 29 de decembro, adianta o fechamento do sector comercial ás 18 horas e o da hostalaría ás 20, clausurando ademais en festivos e fins de semana os centros comerciais.

Após a competición de numerosos concellos por liderar o alumeado de Nadal, contrasta a petición do Govern balear aos concellos instándoos a apagar estas luces ás 20 horas para evitar que haxa xente nas rúas. O Concello de Palma (cunha incidencia acumulada de 621 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días -a media estatal está en 262) xa anunciou que procederá ao apagado. 

Tamén Extremadura ordenou o fechamento da hostalaría entre as 18 e 20 horas e reducir a capacidade de 40 a 30% en superficies comerciais, mentres que Cantabria decidiu adiantar o recoller obrigatorio para Noitevella das 1.30 horas ás 0.30, optando tamén por reducir o número de persoas non conviventes que se poden reunir nos fogares o 31 e 1 de xaneiro, baixando de 10 a seis. 

Varias comunidades están á espera da evolución dos datos para tomar decisión sobre as restricións. Mentres, Catalunya, Aragón, Andalucía e o País Valencià  xa anunciaron que non prevén modificar as medidas impostas polo de agora. 

Illa descarta máis medidas que exixir PCR negativa ante a nova variante

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegurou que o Executivo español descarta aplicar máis medidas fronte a nova variante do coronavirus alén de exixir unha proba PCR negativa nas últimas 72 horas (requirimento en vigor en España desde antes da detección da nova cepa para quen viaxe desde países “de risco”), porque do contrario, dixo, "a única posibilidade sería fechar como país".

A nova variante -que se considera máis contaxiosa- detectouse a mediados de decembro no Reino Unido e foi este sábado cando a Comunidade de Madrid informou de catro casos confirmados, os primeiros detectados no estado. Esta segunda feira, 28 de decembro, foron os servizos sanitarios de Andalucía os que notificaron cinco casos da nova variante. Gobernos como o vasco xa dan por descontado que nas vindeiras horas acharán contaxios no seu territorio.

Comentarios