Vacinas: os ricos discuten, o resto mira

A directora de ONU Sida, W. Byanyima, fala de "apartheid de vacinas".
Unha sanitaria amosa unha das vacinas no Reino Unido. (Foto: Liam Mcburney / DPA)
photo_camera Unha sanitaria amosa unha das vacinas no Reino Unido. (Foto: Liam Mcburney / DPA)

A alianza mundial Covax, creada hai uns meses co obxectivo de que as vacinas tamén cheguen aos países menos desenvolvidos, tenta facerse un oco mentres os países máis ricos pelexan coas farmacéuticas por quen está a recibir máis doses.

Un destes exemplos é Suráfrica, que está a pagar 4 euros e 32 céntimos por cada dose da vacina de AstraZeneca, dúas veces e media máis que o prezo fixado para os países europeos.

Para Winnie Byanyima, Directora Executiva de ONU Sida, "é un apartheid de vacinas. É unha discriminación. É realmente vergoñento. Os países ricos discuten entre eles sobre quen vai recibir que asignación, e os demais países sentan a mirar, é unha vergoña".

Necesidade

Covax é unha asociación mundial que combina diferentes gobernos, institucións do sector público e entidades privadas. A súa sede está en Xenebra. Até o de agora recibiu máis de 1.600 millóns de euros de financiamento. Aínda que a UE doou 96 millóns de euros do fondo propio, os maiores doantes son o Goberno do Reino Unido e Canadá. 

Con todo, Covax necesitará un total de 29.000 millóns de euros para pagar os 2.000 millóns de doses que comprou a 5 produtores de vacinas. 

A Organización Mundial da Saúde ve moi complicado administrar todas as vacinas en 92 países antes de finais de 2021.

"Os acordos bilaterais entre países e empresas están a pór en risco a promesa de Covax. Asináronse polo menos 56 acordos bilaterais sobre vacinas que fragmentan o mercado, obrigan aos países para competir e fan subir os prezos”, declara Tedros Adhanom Ghebreyesus, Director Xeral da OMS.

Mentres tanto, os países europeos esfórzanse por cumprir o seu obxectivo de vacinar 70% da poboación antes do verán. 

Pero os últimos acontecementos relacionados co atraso e a diminución de número de vacinas á UE por parte de farmacéuticas como AstraZeneca amenaza con ensarillar a estratexia de vacinación.

25% menos

Fontes europeas indicaron onte que os cálculos que fan apuntan a que esa redución nas vacinas sexa dun 25 % para os primeiros trimestres, fontes que engadiron que Bruxelas investiu 336 millóns de euros na vacina de AstraZeneca, se ben aínda non se pagaron todos.

A Comisión europea pediu hai uns días ao Goberno belga que inspeccionase a fábrica de AstraZeneca no país, para comprobar se os problemas na falta de distribución se deben a un fallo na planta da localidade de Seneffe. 

Segundo informou a Efe un portavoz do ministerio de Sanidade belga, a inspección xa se realizou -coa colaboración de expertos españois, holandeses e italianos- e o Goberno está á espera do resultado. 

A UE confronta a falta de claridade que lle achaca ao laboratorio británico, coas explicacións -satisfactorias para a CE- que lle proporcionou Pfizer-BioNTech, tras anunciar a semana pasada unha diminución na distribución das súas vacinas.

Comentarios