Sánchez falará coas 17 presidencias antes da investidura

Urkullu e Torra serán os primeiros presidentes en reunirse con Sánchez

Os presidentes de Euskadi e Catalunya, Iñigo Urkullu e Quim Torra, serán os primeiros en reunirse con Pedro Sánchez na rolda de xuntanzas que este manterá cos e coas responsábeis dos Gobernos autonómicos.
Urkullu e Sánchez, nun acto o pasado mes de marzo (Nagore Iraola / EP)
photo_camera Urkullu e Sánchez, nun acto o pasado mes de marzo (Nagore Iraola / EP)

O líder do PSOE aceptou o encargo do rei Filipe VI para tentar lograr os apoios necesarios para ser investido presidente do Goberno. Na rolda de prensa en que onte anunciou que se apresentaría á sesión de investidura, Pedro Sánchez tamén informou de que, como paso previo a que se produza o debate e votación no Congreso, abriría unha rolda de reunións coas 17 presidencias autonómicas. 

Hoxe deu a coñecer o presidente que o primeiro en ser chamado pola Moncloa será o lehendakari Iñigo Urkullu, mentres que o segundo será o president da Generalitat Quim Torra.

Hoxe deu a coñecer o presidente que o primeiro en ser chamado pola Moncloa será o lehendakari Iñigo Urkullu

Esta prelación responde á orde protocolaria en relación á data de antigüidade dos Estatutos de autonomía, “como se fai sempre nestes casos”, afirmou Pedro Sánchez antes de entrar na mañá de hoxe na reunión do Consello Europeo en Bruxelas. Por tanto, pese a non figurar no anuncio de Sánchez, o terceiro con quen reunirse debera de ser o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo. 

Con todo, antes de xuntarse coas 17 prsesidencias autonómicas, Pedro Sánchez manterá unha encontro a vindeira segunda feira, 16 de decembro, co líder do PP, Pablo Casado, en primeiro lugar; e acto seguido con Inés Arrimadas, portavoz no Congreso de Ciudadanos. A líder laranxa quere convencer Pedro Sánchez de facerse coa presidencia pactando co seu partido e máis cos populares. 

Sánchez afirmou que o obxectivo das reunións coas presidentas e presidentes autonómicos é que as distintas Administracións se sintan concernidas na necesidade de desbloquear a formación de Goberno no Estado para abordar asuntos como a sanidade, o financiamento autonómico e as infraestruturas. "É o que vou trasladar ao president Torra e ao resto de presidentes", afirmou Sánchez.

O presidente en funcións tamén agradeceu a Esquerra Republicana que levantase "a man e dixese que non se desentende de que se poida facilitar a gobernabilidade".

Desde a dereita apuntaron que o anuncio de Sánchez é unha manobra encuberta para xustificar publicamente unha reunión con Quim Torra para lograr o apoio de ERC na investidura, logo de que o presidente do Goberno non quixese coller o teléfono a Torra desde que se producisen os protestos en Catalunya após a sentenza do procés.

Precisamente o diálogo e o recoñecemento institucional mutuo entre España e Catalunya son termos plasmados no comunicado conxunto asinado entre PSOE, PSC e ERC a pasada terza feira após a última reunión negociadora entre esas forzas para a investidura. 

Tamén se sinalou desde a dereita a rolda de reunións como unha estratexia para gañar tempo e xustificar o retraso da convocatoria da sesión de investidura, logo de que ERC descartara a posibilidade de chegar a un acordo antes de finalizar o ano.

Así, o líder do Partido Poular, Pablo Casado, acusou Pedro Sánchez de utilizar as presidencias da autonomías de "comparsa" para ter unha relación de "bilateralidade" co president da Generalitat. 

Quim Torra cualifica de insuficiente o anuncio de Sánchez e pide bilateralidade

Pedro Sánchez manterá 17 reunións, unha con cada presidencia autonómica. Precisamente, que Quim Torra sexa chamado para acudir a unha desas xuntanzas é para o president da Generalitat “insuficiente”.

Ante o conflito político en Catalunya, Torra pide máis pasos ao Estado: respecto institucional, bilateralidade, e unha proposta para "dar saída á autodeterminación e a fin da represión".

Comentarios