A Unión Europea decreta o retorno á austeridade

O Banco Central Europeo vén de facer pública a revisión da súa estratexia de política monetaria. A proposta recolle novos criterios en materia de inflación para axeitarse á tendencia á alza dos prezos dos últimos meses. Porén, as autoridades comunitarias seguen fieis á ortodoxia económica e poñen data ao retorno á austeridade máis dura.  Varoufakis afirma que “a troika vai regresar dunha forma moi similar a 2010 ou 2015”.
Cristina Lagarde, presentando as propostas do Banco Central Europeo (BCE), nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Cristina Lagarde, presentando as propostas do Banco Central Europeo (BCE), nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O acordo de revisar a estratexia de política monetaria do Banco Central Europeo (BCE) está adoptado desde comezos de 2020 pero as conclusións presentadas onte veñen condicionadas polas novas circunstancias xurdidas da pandemia. Malia que desde 2003 non introduciu ningunha mudanza esencial na mesma e algúns dirixentes comunitarios recomendaban cambios profundos, a reforma presentada pola presidenta do BCE, Cristine Lagarde, e polo seu segundo, o antigo ministro de Raxoi Luis de Guindos, limítase a axustes.

A principal das medidas presentadas nesta quinta feira é elevar o obxectivo de inflación do BCE até 2%. A medida, derivada da suba dos prezos e da necesidade de seguir inxectando liquidez aos mercados e Estados, é explicada por Lagarde como “a mellor forma de manter a estabilidade de prezos” e consiste en ter un obxectivo de inflación de 2% a medio prazo. “Este obxectivo é simétrico, o que significa que as desviacións positivas ou negativas respecto dese obxectivo son igual de indesexábeis”, afirmou.

A decisión de volver á austeridade para 2022 é asumida polas autoridades comunitarias. A este respecto, resulta clarificador un documento aprobado polos eurodeputados do Partido Popular Europeo (PPE), o principal grupo do Parlamento europeo do que fai parte o PP, onde reclaman o retorno aos criterios do Pacto de Estabilidade e Crecemento e moi, particularmente, aos límites na débeda pública de 60% do PIB e no déficit de 3%. “As normas están para ser cumpridas”, recolle este documento asinado polos representantes conservadores e publicado a pasada semana polo xornal británico Financial Times. 

A proposta dos conservadores europeos aposta por avanzar no programa neoliberal que define o proxecto da Unión Europa. Así, defenden a creación dun novo organismo con “completa independencia política”, que actúe como “árbitro independente” e xogue “o papel de supervisar o cumprimento das regras do Pacto de Estabilidade e Crecemento”, sen estar suxeito a ningún mecanismo de control democrático. A alternativa xustifícana  porque, na súa opinión, no pasado non se teñen aplicado de xeito imparcial as regras orzamentarias. 

Un reforzo da condicionalidade

O PPE defende un reforzo da condicionalidade económica asociada ao orzamento comunitario e ás liñas de axuda europea recollidas no fondo Next Generation.

Segundo o documento publicado polo Financial Times, a formación presidida polo antigo primeiro ministro polaco e presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, non considera suficientes “as reformas estruturais” esixidas pola Comisión Europea aos Estados que solicitan axudas do fondo Next Generation. Na mesma liña, acusan as autoridades comunitarias de “non actuar coa debida firmeza” para obrigar cumprir as recomendacións recollidas no semestre europeo.

As medidas adoptadas polas autoridades monetarias comunitarias e as propostas do PPE adiantan a volta á austeridade, na liña do sinalado desde o comezo da pandemia polos economistas críticos. A este respecto, o economista e antigo ministro de Finanzas grego Yanis Varoufakis puxo de manifesto en xuño do ano pasado que “a troika vai regresar independentemente do fondo de reconstrución e ocorrerá cando sexa recuperado o pacto fiscal e entón España, Italia e Portugal van ser apertados, dunha forma moi similar ao que a troika fixo entre 2010 
e 2015”.

O retorno da austeridade é un feito. A este respecto, o vicepresidente do Banco Central Europeo (BCE), Luis de Guindos, vén de expor que “unha vez que a emerxencia fique atrás, todos os países cun alto nivel de débeda deben tomar medidas para recortala”. Pola súa banda, Yanis Varoufakis sinala que “no momento no que o déficit alemán vaia achegándose a cero, Berlín meterá presión a Bruxelas para que esta meta presión a Madrid para situar o déficit por debaixo de catro ou tres. E iso supón austeridade masiva”. 

Comentarios