Unicef estima que 3.774 crianzas morreron na guerra do Iemen

Máis de 7.000 nenas e nenos sufriron mutilacións polos efectos da guerra no Iemen, que acabou coa vida de 3.700 crianzas. Unicef reclama a implicación da comunidade internacional e unha nova tregua para permitir o acceso de axuda humanitaria á zona após oito anos de guerra.
Crianza refuxiada no Iemen. (Foto: Al Baraa Mansoor / Save the Children)
photo_camera Crianza refuxiada no Iemen. (Foto: Al Baraa Mansoor / Save the Children)

11.019 nenas e nenos foron asasinados ou mutilados entre marzo de 2015 e o 30 de setembro de 2022 na guerra do Iemen, que xa chega ao oitavo ano desde o comezo das hostilidades, desvelou na madrugada de onte o Fondo de Nacións Unidas (ONU) para a Infancia (Unicef).

Até 3.774 perderon a vida, sinala a entidade, que advirte que estes son só os casos que foi quen de verificar e que “é probábel que os datos reais sexan moito máis altos”. Amais, denuncia que case 4.000 crianzas foron recrutadas polos bandos en conflito.

Asemade, reporta a detención de 445 nenos, o secuestro de 152 e a exposición á violencia sexual que padeceron cando menos 47 crianzas, así como 672 ataques a instalacións educativas e 228 centros sanitarios atacados ou usados polos militares durante a guerra que libran os hutís e a coalición militar liderada por Arabia Saudita que trata de manter no poder a Abd al-Rahman Rabbuh al-Mansur al-Hadi.

“Para que as crianzas do Iemen teñan algunha posibilidade dun futuro decente, as partes en conflito, a comunidade internacional e todos aqueles con algunha influencia deben garantir que se lles protexe e apoia”, subliñou a directora executiva de Unicef, Catherine Russell, que estivo a semana pasada no país asiático.

A guerra sumiu o Iemen no que para a ONU é a peor crise humanitaria do planeta. Case tres cuartas partes da poboación, 23,4 millóns de persoas -máis da metade crianzas- precisan axuda humanitaria e protección. Ademais, 2,2 millóns de nenas e nenos sofren desnutrición aguda.

As hostilidades tamén deixaron fóra de servizo a metade das instalacións sanitarias do país, con case 18 millóns de persoas sen acceso a auga segura e servizos de saneamento e hixiene. “Todos precisan axuda inmediatamente porque os servizos básicos colapsaron”, apuntou Russell, que constatou como  para dous millóns de crianzas é imposíbel asistir á escola.

Tregua

Para poder afrontar esta situación, Russell fixo fincapé en que “a renovación urxente da tregua sería un primeiro paso positivo que permitiría o acceso humanitario”, matizando que “só a paz sostida permitirá ás familias reconstruír as súas vidas rotas e comezar a planear o seu futuro”.

De abril a outubro, os contendentes asinaron unha tregua que para a ONU foi "histórica". Porén, a guerra continúa e ameaza con estenderse ao mar, tras os ataques hutís aos portos acusando os Estados Unidos e Arabia Saudita de non pór freo ao roubo de petróleo do país.

Comentarios