50.000 millóns en xogo: a UE sabotará a economía húngara se Orbán bloquea a axuda a Ucraína

Orbán rexeitou aceptar a medida entrementres sigan bloqueados fondos da UE destinados a Hungría que Bruxelas conxelou entre demandas para garantir a independencia xudicial húngara.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. (Foto: Michele Nucci / Europa Press / Contacto)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. (Foto: Michele Nucci / Europa Press / Contacto)

A Unión Europea (UE) atacará a economía de Hungría e tratará de debilitar a súa moeda, o florín, e diminuír a confianza das e dos investidores no país no caso de que o primeiro ministro de ultradereita de Budapest, Viktor Orbán, non acabe esta semana nunha reunión do bloque comunitario co bloqueo a un plan para entregar 50.000 millóns de euros a Ucraína até 2027, segundo recolleron hoxe medios internacionais.

Nunha xuntanza en decembro de líderes dos Estados membros, Orbán rexeitou aceptar a medida entrementres sigan bloqueados fondos da UE destinados a Hungría que Bruxelas conxelou entre demandas para garantir a independencia xudicial húngara, o que forzou a convocatoria dunha reunión similar esta quinta feira.

Asemade, varios Estados membros advertiron que outra opción perante un novo bloqueo de Orbán é suspender o dereito de voto de Hungría por medio da activación do artigo 7 do Tratado da UE, que avala este paso no caso de que un país infrinxa de forma grave e persistente os principios do bloque comunitario.

Pola súa parte, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, reiterou esta segunda feira a "importancia" de "desbloquear" os 50.000 millóns de euros prometidos desde a Unión Europea, confiando ademais en que permitiría enviar un "importante sinal" a outros socios internacionais dos que tamén depende economicamente Kíiv para enfrontarse a Rusia.

Comentarios