A UE desbota a Sputnik V aínda que a aprobe a Axencia do Medicamento

A EMA anunciou o inicio da revisión da vacina rusa para unha posíbel recomendación positiva.
Chegada da vacina rusa Sputnik V a Eslovaquia (Foto: Europa Press).
photo_camera Un total de 200.000 doses da vacina rusa, chegando ao aeroporto eslovaco de Košice na segunda feira (Foto: František Iván / TASR)

A Comisión Europea asegurou hoxe que non contempla polo momento incluír a vacina rusa Sputnik V na estratexia conxunta deseñada cos Estados membros para a compra centralizada de doses. Comunicouno pouco despois de a Axencia Europea do Medicamento (EMA) anunciar o inicio da súa revisión para unha posíbel recomendación positiva.

"Non existen conversas en marcha para integrar esta vacina na carteira", expresou nunha conferencia de prensa o portavoz de Saúde do Executivo comunitario, Stefan de Keersmaecker. Na mesma liña, o portavoz principal da Comisión, Enric Mamer, subliñou que o feito de que unha vacina sexa aprobada polas autoridades sanitarias para o seu uso en toda a UE non "obriga" a ser incluída na carteira pactada entre Bruxelas e os 27.

Se Sputnik V fose aprobada pola EMA, o seu uso pasaría a estar autorizado en toda a UE. Actualmente, só se pode subministrar naqueles países do bloque en que o seu uso foi autorizado por un procedemento de urxencia á marxe da avaliación da EMA. É o caso de Hungría e de Eslovaquia, que xa recibiron miles de doses do fármaco ruso.

Bruxelas remarcou que a avaliación da EMA sobre seguridade e eficacia estará baseada en "criterios sanitarios". "A xeopolítica non ten nada a ver co feito de que a EMA a considere segura e eficiente ou non", destacou Mamer.

A estratexia conxunta contempla a compra centralizada de oito vacinas distintas: Pfizer/BioNTech, Moderna, Astrazeneca/Oxford, Sanofi/GSK, Janssen e CureVac e continúa a negociar con Novavax e Valneva. As tres primeiras xa se están a distribuír, e a de Janssen podería ser aprobada pola EMA o 11 de marzo.

Estados Unidos

Precisamente a vacina de Janssen, filial de Johnson&Johnson está a causar polémica nos EUA, onde xa foi aprobada. A Conferencia de Bispos Católicos e outras seis dioceses do país norteamericano emitiron comunicados expresando a súa "preocupación moral" por esta vacina, que emprega células desenvolvidas no laboratorio procedentes de fetos abortados na década de 1980, segundo informa CNN.

Non obstante, a Congregación para a Doutrina da Fe, custodia  da doutrina católica na Igrexa, sinalara con anterioridade que "é moralmente aceptábel recibir vacinas contra a Covid-19 que usaran cultivos celulares de fetos abortados no seu proceso de investigación e produción".

Italia

Tamén polémica causou a decisión onte de Italia de paralizar a saída dun cargamento con 250.000 doses da vacina de AstraZeneca con destino a Australia, para evitar que doses producidas na UE sexan exportadas a un país terceiro mentres o fabricante incumpre coa entrega acordada con Bruxelas.

A Comisión puxo en marcha a finais de xaneiro un mecanismo de control de exportacións para facilitar aos Estados actuar ante a sospeita de que partidas que corresponderían aos socios do bloque estaban a ser desviadas a outros compradores no exterior.

Cuba e India

Ademais, as autoridades cubanas autorizaron o inicio da fase 3 dos ensaios clínicos da vacina elaborada no país, Soberana, confirmou BioCubaFarma en Twitter. Máis de 85.000 persoas participaran nas fases finais.

E na fase 3, a vacina india Covaxin ofreceu unha eficacia de 81%, tras ser administrada a 25.800 persoas. Mantense estábel entre 2ºC e 8ºC e os viais poden  permanecer abertos 28 días.

Comentarios