Bruxelas, remisa á chegada da vacina Sputnik V

O centro Gamaleya, que produce o fármaco ruso, non solicitou a aprobación da Axencia Europea do Medicamento, e a Comisión Europea proxectou dúbidas sobre a súa eficacia real
EuropaPress_3567497_17_february_2021_palestinian_territories_rafah_palestinian_health_worker
photo_camera Un sanitario palestino cunha mostra da vacina rusa contra a Covid-19 (Foto: Ashraf Amra / APA Images)

Malia as mensaxes cruzadas dos últimos días entre Alemaña e Rusia, onde se valoraba a posibilidade dunha colaboración na produción da vacina Sputnik V e a súa hipotética chegada á UE (Moscova declarou a semana pasada que en caso de ser aprobada esta non sería até maio ou xuño), o certo é que a posibilidade real non está sobre a mesa. 

A comezos de mes a presidenta do Goberno alemán, Angela Merkel, recoñecía ter falado co presidente ruso, Vladimir Putin, sobre o tema. Porén, matizaba: "Todas as vacinas son benvidas na UE, mais só se utilizarán as que sexan aprobadas pola Axencia Europea do Medicamento (EMA, en inglés)".

Neste mesmo sentido se pronunciou esta semana a presidenta da Comisión Europea, a tamén alemá Ursula von der Leyen, afirmando que a aprobación pola EMA é ineludíbel. E confirmou que "Sputnik non solicitou autorización á EMA até agora. Se o fai, debe enviar todos os datos e someterse a un escrutinio como os demais".

A propia axencia emitiu o 10 de febreiro un comunicado aclarando que non se recibira ningunha petición de revisión por parte de Gamaleya, o centro que produce a Sputnik V.

Dúbidas sobre a súa eficacia

Von der Leyen, médica de profesión, foi máis alá e proxectou dúbidas sobre a súa eficacia real, que un estudo publicado na revista Lancet estimou en 92%.

Porén a presidenta do Executivo comunitario dixo que chegado o caso debería haber unha inspección dos sitios de produción, que se axusten aos estándares da UE. 

Ademais sinalou: "Aínda nos preguntamos por que Rusia ofrece teoricamente millóns e millóns de doses mentres non progresa o suficiente na vacinación da súa propia xente". Segundo datos de Our World in Data, a 10 de febreiro ─últimos facilitados─ Rusia vacinara 2,67% da súa poboación.

Comentarios