Ucraína abre a porta á retirada "estratéxica" das tropas en Bakhmut

Belarús anuncia en Beijing o seu apoio ao plan de paz chinés.
Un soldado ucraíno diante dun edificio destruído en Borodianka, na rexión de Kíiv. (Foto: Europa Press)
photo_camera Un soldado ucraíno diante dun edificio destruído en Borodianka, na rexión de Kíiv. (Foto: Europa Press)

Despois dos avances rusos en Bakhmut (no oblast Donetsk, na rexión do Donbás), coa cidade case cercada polas tropas rusas, Alexander Rodnyansky, conselleiro do presidente ucraíno Volodimir Zelenski, sinalou que "non imos sacrificar toda a nosa xente por nada", recolle AP.

Asemade, transmitiu que os militares avaliarán todas as opcións e "se é necesario retiraranse estratexicamente" da cidade, o principal centro de abastecemento ucraíno no Donbás e a conexión coa zona de Donetsk que non está controlada polas tropas rusas.

En todo caso, a viceministra de Defensa ucraína, Anna Malyar, fixo público o envío de máis reforzos militares, algo confirmado polos soldados rusos, a pesar dos testemuños das tropas de Ucraína a medios como CNN que destacan que a situación na cidade é peor do que defenden en público.

Amais, o Ministerio de Defensa ruso informou dun intento ucraíno de ataque masivo con drons contra Crimea, un día despois de derribar un dron a pouco máis de 100 km de Moscova.

No plano diplomático, o presidente de Belarús, Alexander Lukashenko, subliñou na súa visita á China o apoio do país, aliado ruso, ao plan de paz proposto por Beijing, que Kíiv está a estudar e os membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) desbotaron. Nese sentido, Washington volveu insistir na posibilidade de que a China venda armas letais a Rusia, algo negado polo país asiático.

Ao tempo, a Organización das Nacións Unidas amosouse confiada en que o acordo para exportar gran polo mar Negro sexa prorrogado unha vez máis antes de que expire o 18 de marzo. A este respecto, Moscova indicou que é preciso profundar no acceso dos produtos agrícolas e fertilizantes rusos ao mercado mundial.

Comentarios