Turquía, cada vez máis perto da arma que executou as activistas curdas

Xusto un mes após o asasinato de Sakine Cansiz, Fidan Dogan e Leyla Saylemez, as investigacións policiais francesas céntranse na única persoa detida acusada de tomar parte no crime. Porén, portavoces curd@s acusan a Ankara de ter posto prezo ás cabezas das activistas asasinadas en París. O detido, afirman, podería ter sido un sicario contratado polo servizo de intelixencia turco.
Activistas curdas asasinadas en Paris
photo_camera Activistas curdas asasinadas en Paris

Ömer Güney é até o de agora o único detido pola policía francesa a respecto do caso das tres activistas curdas executadas o pasado 9 de xaneiro en Paris. A sua detención espertou o interese do xornalista curdo Ferda Çetin cuxas investigacións semellaron dar máis froitos que as francesas.

Listaxes negras que poñen prezo a militantes e dirixentes do PKK

O goberno de Ankara presentou desde o primeiro momento o crime de París como un produto das diferenzas internas no PKK. Porén, as últimas informacións feitas públicas ao respecto sitúan o servizo de intelixencia turco (MIT) cada vez máis perto do crime. A publicación dunha listaxe negra elaborada polo partido Xustiza e Desenvolvemento (AKP) en que se puña prezo ás cabezas de 50 dirixentes do PKK (catro millóns de liras, arredor de dous millóns de euros), poderían situar ao executivo de Tayyip Erdogan moi perto dos acontecementos. A existencia destas recompensas foi publicada durante marzo de 2012 pola maior parte da imprensa do país deixando ao descuberto a estratexia empregada desde Ankara para combater o pobo curdo e a loita pola soberanía do Curdistán, tanto na diáspora coma no propio territorio ocupado por Turquía.

Neste senso, e ao abeiro desta información Ferda Çetin iniciou unha investigación encamiñada a determinar se existía algún vínculo entre o detido e o Goberno turco. Así, o diario «Yeni Özgür Politika» --no que escribe o xornalista-- vén de publicar unha entrevista con Murat Sahin, ex-membro dos servizos de intelixencia de Ankara actualmente residente en Suíza. Sahin, que nega coñecer ao detido Ömer Güney, si lembra como un outro axente do MIT lle tiña amosado fotografías de Ömer á fin de determinar se ambos os dous se coñecían. "Non teño ningunha dúbida de que a foto era de Ömer Güney", aseguraba Sahin. O ex-membro do MIT debullaba como os servizos de intelixencia turcos empregan de maneira habitual a infiltrad@s na procura de información. "É moi doado infiltrarse nas asociacións europeas", sentenzou, "o difícil é estabelecer unha estreita relación cos obxectivos", apuntaba Sahin en alusión ás persoas que serían obxecto de detención, tortura ou execución por parte do Goberno de Turquía. "Supoño", aseveraba, "que Güney si que gañou a confianza dos seus obxectivos".

Desde 1994, máis de cen curd@s foron secuestradas, torturadas e executadas por persoas ao servizo do Goberno turco. Os seus corpos aparecen tirados no lixo. Milleiros permanecen deitad@s nas cadeas turcas --moit@s del@s menores de idade-- submetid@s a unha lexislación de excepción que vulnera os seus dereitos fundamentais e as garantías procesuais dos xulgamentos. Entre eles, Abdullah Ökalan, fundador do PKK. 

Comentarios