Trump afirma que Putin é máis líder que Obama

O inconcebíbel ás veces ocorre en política: un político norteamericano con opcións a morar na Casa Branca acaba de dicer que o presidente de Rusia é máis líder que o do seu propio país. Claro que ese político é Donald Trump.

Donald Trump EUA
photo_camera Donald Trump

Trump non dubida en axitar a campaña cunha retórica en aparencia descontrolada e extemporánea, como a que o ten levado xa en diversas ocasións a gabar a figura de Vladimir Putin (o aprezo é mutuo). Mais en realidade Trump non improvisa, os seus ataques a Obama conectan co descontentamento que existe en amplos sectores dos traballadores norteamericanos brancos -o seu principal target de campaña- en relación ás políticas da Administración demócrata e máis en concreto en relación á candidata Hillary Clinton, vista por largas capas da populación como unha xenuína representante do establishment.

A última frase provocadora pronunciouna Trump durante un debate con Clinton nun foro con militares veteranos de guerra.

Trump salienta que Putin ten un grao de popularidade en Rusia por volta do 82%

Cuestionado polo moderador sobre o seu apoio a Putin, Trump respondeu que o presidente ruso goza nas enquisas dun grao de popularidade por volta do 82%.

“Ten [Putin] un grande control sobre o seu país”, engadiu.

Trump compuxo esta gabanza do líder ruso no mesmo día en que o chefe do Pentágono acusou a Moscova de estar a tecer os fíos da inestabilidade global. 

Os EUA e Rusia estanse a enfrontar neste momento en distintos cenarios xeoestratéxicos, desde Siria a Ucraína, nunha sorte de reverdecemento da guerra fría.

Comentarios