Texas e outros 17 Estados impugnan a vitoria de Biden no Tribunal Supremo

O aínda presidente Trump queima os seus últimos cartuchos para evitar ceder o Goberno dos Estados Unidos ao seu rival político e vencedor das eleccións, Joe Biden. Malia que a xustiza desbotou os seus recursos até agora, nas últimas horas logrou o importante apoio de 18 fiscais xerais doutros tantos Estados federados.
EuropaPress_3470136_presidente_estados_unidos_donald_trump
photo_camera Trump –na imaxe, esta semana– aférrase a unha decisión xudicial para se manter na Casa Branca (Foto: Oliver Contreras / Zuma Press)

Primeiro foi o fiscal xeral de Texas, Ken Paxton, que na terza feira anunciou unha demanda ante o Tribunal Supremo dos EUA para impugnar os resultados das eleccións presidenciais en Georgia, Michigan, Pensilvania e Wisconsin. E nas últimas horas outros 17 Estados tamén comunicaron ao alto tribunal o apoio a esta moción que podería reverter a decisión do Colexio Electoral e a vitoria de Joe Biden, segundo informou CNBC.

O Colexio Electoral, tal e como está estabelecido, pronunciarase na primeira segunda feira logo da segunda cuarta feira de decembro. É dicir, dentro de tres días, o 14 de decembro. Cómpre lembrar que a elección do presidente nos EUA non é directa, os votantes designaron o 4 de novembro cos seus votos os compromisarios que os representarán no Colexio Electoral.

Polo momento todas as tentativas do aínda presidente dos EUA, Donald Trump, para que os resultados de varios Estados chave non sexan certificados polas autoridades estatais non tiveron éxito. Trump, que mantén a negativa a recoñecer a vitoria de Biden, celebrou a decisión destes 17 Estados de seguir o ronsel texano. Fíxoo, como é habitual nel, no Twitter: "Guau! Polo menos 17 Estados uníronse a Texas no extraordinario caso contra o maior fraude electoral na historia dos Estados Unidos. Obrigado!". E fíxoo pouco despois de presentar, "na súa condición persoal" como candidato presidencial, unha moción uníndose a demanda do fiscal xeral de Texas. "Esta é a boa", escribiu na súa rede social de cabeceira.

Discrepancias e presións

Os 17 Estados que amparan a moción, todos con fiscais xerais republicanos, todos gañados nas últimas eleccións por Trump, son: Alabama, Arkansas, Carolina do Sur, Dakota do Norte, Dakota do Sur, Florida, Indiana, Kansas, Louisiana, Mississippi, Missouri, Montana, Nebraska, Oklahoma, Tennessee, Utah e mais Virginia Occidental.

O fiscal xeral de Texas asegurou nun comunicado que os catro Estados onde impugnou as eleccións "inundaron os seus cidadáns con solicitudes e papeletas ilegais" e acusounos de ignorar as regras sobre como contar os votos. "A confianza na integridade dos nosos procesos electorais é sacrosanta e une a nosa cidadanía e os Estados desta Unión", afirmou Paxton, segundo recolleu Bloomberg.

Tamén o fiscal xeral de Missouri, Eric Schmitt, o último en se unir á iniciativa legal, difundiu un comunicado asegurando que "a integridade das eleccións é de vital importancia para manter a República. O que está en xogo é protexer a nosa Constitución, defender a nosa liberdade e asegurármonos de que todos os votos sexan contados xustamente".

Republicano como todos os anteriores é Christopher Carr, fiscal xeral de Georgia, un dos Estados onde se impugnou o resultado dos comicios. En declaracións ao The Dallas Morning News afirmou a través dun portavoz que a demanda "é constitucionalmente, legalmente e facticamente errónea sobre Georgia". Tras estas manifestacións, Trump chamouno por teléfono para, segundo The Atlanta Journal-Constitution, presionalo e evitar que coa súa postura outros fiscais xerais republicanos se desmarcasen da demanda.

Un cazador cazado

Ken Paxton, impulsor da demanda e líder da organización Lawyers for Trump (avogados por Trump) desde xullo, foi acusado a comezos de outubro por oito dos seus axudantes na Fiscalía Xeral texana de suborno, abuso de poder e doutros delitos nunha carta enviada ao Austin American-Statesman e á KVUE. No mes seguinte, cinco foron despedidos e os tres restantes dimitiron. Ademais, xa en 2015 fora imputado por fraude de valores, un caso que conseguiu  que aínda non chegase aos tribunais para poder ser xulgado. 

Como fiscal xeral presentou demandas contra o Obamacare e contra o DACA, programa que protexe os inmigrantes chegados de crianzas aos EUA, os dreamers. Tamén obrigou varios condados a retirar as medidas para previr a Covid meses antes de dispararse os contaxios en Texas.

A muller del, Angela, é senadora estatal desde 2018. Ao pouco de chegar ao cargo propuxo unha lei que aumentase os poderes de Ken para se poder perdoar a si mesmo. A lei non foi aprobada.

Proposta lexislativa para poder convocar un referendo de independencia en Texas

Entre as numerosas propostas de lei presentadas nos últimos días de cara ao comezo, en xaneiro, da lexislatura no Senado de Texas, encóntrase a iniciativa do deputado republicano Kyle Biedermann. Segundo recolle The Dallas Morning News, na terza feira Biedermann rexistrou a proposta de Lei do Referendo de Independencia de Texas, que permitiría ao Estado "reinstaurar o seu status como unha nación independente". 

"O Goberno federal está fóra de control e non representa os valores dos texanos", sinalou nun comunicado colgado en Facebook, onde defende que a Constitución estatal ampara a proposta. En concreto cita que "todo poder político é inherente ao pobo" e este ten "o dereito inalienábel de alterar, reformar ou abolir o seu Goberno na maneira en que consideren oportuno".

Comentarios