mércores 25/11/20

O xefe de ciberseguridade dos EUA, nova vítima de Trump

Chris Krebs foi despedido ─a través do Twitter do presidente estadounidense─ por negar a teoría da fraude electoral.
O aínda presidente dos EUA, Donald Trump, nunha foto de arquivo. (Foto: Chris Kleponis / Zuma Press)
O aínda presidente dos EUA, Donald Trump, nunha foto de arquivo. (Foto: Chris Kleponis / Zuma Press)

O presidente dos Estados Unidos de América, Donald Trump, despediu na terza feira "con efecto inmediato" Chris Krebs, director da Axencia de Ciberseguridade do Departamento de Seguridade, despois de que non secundase as afirmacións de fraude electoral durante as eleccións presidenciais.

"As recentes declaracións de Chris Krebs sobre a seguridade das eleccións de 2020 foron moi inexactas, xa que houbo fraude e irregularidades masivas, incluíndo os votos de persoas que morreran", escribiu Trump na súa conta de Twitter.

"Polo tanto, con efecto inmediato, Chris Krebs foi despedido como director da Axencia de Seguridade de Infraestrutura e Ciberseguridade", anunciou.

Horas antes do seu despedimento, Krebs utilizou tamén Twitter para desbotar estas teorías sobre unha suposta fraude xa que "non contan con fundamento ou son tecnicamente incoherentes". Ao pouco de coñecer o seu cesamento, escribiu na mesma rede social, "honrado de servir. Fixémolo ben. Defende hoxe, asegura o futuro".

O aínda presidente dos EUA mostrouse, como vén sendo habitual, moi activo nas redes sociais e insistiu en Twitter na suposta trama que se tería orquestrado para evitar a súa estancia na Casa Branca. Así citou de novo os interventores expulsados dos centros electorais, "fallos" nas máquinas de votación que "mudaron" sufraxios seus a favor de Biden, "votos a destempo e moito máis".

"O único seguro das eleccións de 2020 é que foron practicamente impenetrábeis para as potencias estranxeiras", asegurou, e lamentouse do éxito nese suposto obxectivo dos "Demócratas da esquerda radical".

FBI e CIA, na mira

Chris Krebs é o último funcionario da Administración Trump en ser cesado despois das eleccións. A semana pasada, o presidente estadounidense utilizou tamén a rede social Twitter para despedir o secretario de Defensa Mark Esper, cuxo cese trouxo consigo varias dimisións presentadas por altos funcionarios do Pentágono.

Algúns medios estadounidenses, citando funcionarios da propio Goberno de Trump, avanzaron que despois da destitución de Esper, o mandatario ten agora no punto de mira os máximos responsábeis do FBI e da CIA, Christopher Wray e Gina Haspel, respectivamente.

comentarios