Análise

Tecno-socialismo, democracia e futuro de monitoreo da sociedade

A pesar de ser un dos Estados que máis medrou nas últimas décadas, até pórse á par cos Estados Unidos, as características da economía chinesa son pouco coñecidas en Occidente, que renega dun modelo que coloca o Goberno nunha posición de dominio sobre as empresas, que deben subordinarse para poder operar.
Unha persoa pasea á beira do edificio China Tower, na capital chinesa, Beijing. (Foto: zhenya)
photo_camera Unha persoa pasea á beira do edificio China Tower, na capital chinesa, Beijing. (Foto: Zhenya)

Admiramos o gran dinamismo da China. Precisamente acaba de publicar Claudio F. González o libro El gran sueño de China. Tecno-socialismo y capitalismo de Estado no que vexo unha interpretación profunda da sociedade chinesa. Por tecno-socialismo entenderíamos un sistema que pivota ao redor da planificación a longo prazo, o plan estatal, onde a relación entre o Goberno e a empresa se funda no aliñamento, mesmo submisión, da empresa ás aspiracións do Goberno, prioridade absoluta ao desenvolvemento tecnolóxico e unha forma peculiar de goberno, que consiste en aliñar as aspiracións, opinións e “narrativas” das empresas e das persoas e opcións colectivas co que ten deseñado o Partido Comunista da China (PCC).

A fasquía da política económica na China consiste nunha política industrial de longo prazo: apóstase polas arelas económicas e tecnolóxicas, estimúlase o desenvolvemento da iniciativa empresarial -privada e pública-, reclamándolle, iso si, estaren en sintonía coa política gobernamental, selecciónanse as empresas tipo as “campioas da industria” e afíncanse nelas para preservar os circuítos económicos internos sen interferencias do exterior e para penetrar no mercado internacional sen subordinar a el os circuítos internos.

A China desconfía das interferencias dende o exterior, especialmente dos países centrais: ademais da propia experiencia histórica sobre os colapsos causados polo imperialismo británico e xaponés, que resultaron en calamidades nos séculos XIX e primeira metade do XX, a China puido contemplar o desastre causado a Rusia dende 1980, por ter permitido demasiadas interferencias dende o exterior que tan destrutivas resultaron.

Algo que aprender? Dende logo: nosoutros temos en cambio uns circuítos internos demasiado subordinados á economía internacional, unha tecnoloxía que funciona fraccionada, descoordinada e sen aspiracións na sociedade, e sobre todo, un “goberno” onde é a grande empresa a que vai conseguindo arteiramente subordinar as decisións do Goberno aos seus intereses e estratexias, o que pon a nosa democracia “de patas para enriba”, ademais de estrangular as posibilidades de expansión industrial autónoma.

Cando as Administracións seguen as empresas

Aquí é máis ben a grande empresa a que ten “seducida” moita Administración pública, e esta segue en demasía o que estas empresas lle propoñen. Vexamos, por exemplo, o grupo de coma sete empresas que forman un núcleo do “palco do Real Madrid” e que concentran o gran núcleo dos negocios, desde a construción até case todos os servizos municipais, sanitarios e agora incluso da enerxía: son capaces de subordinar aos seus intereses os partidos políticos e as Administracións. Tamén temos media ducia de bancos ditando a política bancario-financeira do Goberno, até o punto de teren, arteiramente, acabado coas Caixas de Aforro e absorbido, a prezo cero, o seu negocio. Mesmo cando, na crise de 2008, se falaba de “bancos demasiado grandes: hai que tronzar”, o certo foi que acabamos con moitos menos e moito máis grandes. Haberá que salvalos con recursos públicos cada vez que pase algo, “para non caer no marasmo”.

Pero aínda causa máis perplexidade a capacidade de ditar a política económica dende as empresas transnacionais. Hoxe os máis dos hospitais que foron privatizados ou que teñen concertos están xestionados por empresas non residentes: Fresenius (alemá) adquiriu Quirón, que fora absorbendo as varias empresas de xestións de hospitais que conseguiran “colaboracións público privadas” –adóitase entender por CPP a subordinación das instancias públicas aos intereses privados-, as xestións de hospitais públicos; Ribera Salud–Povisa que acaban en mans de Centene Corp, unha empresa dos EUA cuxos primeiros accionistas son os fundos Capital, Vanguard, Blackrock, FMR, Rowe, State Street... é dicir: o núcleo de fondos gringos que posúen en conxunto a maioría das empresas cotizadas e de toda a rede global de empresas. É notábel lembrar que sendo Pedro Morenés embaixador de España nos EUA, ousou premer a Consellaría de Sanidade do País Valencià para non reverter o Hospital de Alcira.

Premeu instado por Centene: ninguén solicitou o procesamento de Morenés por alcaiotar dende a función pública un interese privado e ademais foráneo.
Vállanos a comparanza: na China o negocio non pode exercerse se non se subordina ao Goberno. Entre nós, ao contrario, a Administración pública está demasiado subordinada, por laños e grechas ocultas, pero demasiadas veces triunfantes, aos intereses das empresas que constitúen núcleos de poder económico.

Economía e democracia

O éxito económico da China contrasta coa escasa compatibilidade coa democracia: un exercicio non visíbel do poder, xugúlase a competencia de opcións e alternativas que permitan a participación; non se preservan os contrastes de opinións e puntos de vista alternativos... Peor aínda é como se “monitorea” a opinión pública e se patrulla masivamente o ciberespazo para non permitir ningún abaneo “disolvente” entre a poboación.

Comentarios