Os talibán paquistanís racha o alto o fogo co Estado e inicia ataques "en todo o país"

A decisión do talibán paquistaní de reactivar as hostilidades abre unha nova vía de inestabilidade no país asiático, que trata de recuperarse do efecto das inundacións mentres se intensifica a crise política que comezou coa destitución de Imran Khan en abril.
Militares paquistanís en Peshawar, capital da provincia de Khyber-Pakhtunkhwa, despois dun ataque do talibán paquistaní en setembro. (Foto: Hussain Ali / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Militares paquistanís en Peshawar, capital da provincia de Khyber-Pakhtunkhwa, despois dun ataque do talibán paquistaní en setembro. (Foto: Hussain Ali / Zuma Press / Contactophoto)

Xustificándose nos ataques “sen parar” do Exército de Paquistán contra os seus combatentes, Tehrik-i-Taliban Pakistan (movemento do estudantado de Paquistán, tamén coñecido como o talibán paquistaní) trasladou a segunda feira o final do histórico acordo de cesamento do fogo de xuño con Paquistán.

Ao tempo, instou as organizacións armadas que compoñen o grupo a “levar a cabo ataques onde poidan en todo o país”, reactivando uns atentados que desde a súa fundación a finais de 2007 provocaron arredor de 70.000 mortes, sosteñen as autoridades de Islamabad. Amais das agresións que atribúen aos militares, o talibán criticou que o Executivo non respondera a súa principal demanda, a reversión da fusión das áreas tribais de administración federal coa provincia de Khyber-Pakhtunkhwa, que lle restou competencias aos líderes tribais, informa Dawn.

As primeiras negociacións do Estado coa entidade, integrada por aproximadamente unha ducia de grupos armados, deron inicio en outubro de 2021, racharon en decembro e reactiváronse en maio deste ano.

O Ministerio do Interior xa alertara en outubro da paralización das negociacións, nas que o talibán afgán actuaba como mediador. A partir de setembro comezaron a producirse atentados sobre todo na rexión de Waziristán, na provincia de Khyber-Pakhtunkhwa, limítrofe con Afganistán e o principal centro operativo do talibán en Paquistán.

O gabinete de Shehbaz Sharif fixo público que hoxe viaxa a capital afgá, Kabul, a viceministra de Exteriores, Hina Rabbani Khar, na primeira reunión da súa Administración cos talibán do país veciño. De maneira oficial, na xuntanza tratarán sobre as relacións bilaterais, após reabrir a semana pasada un paso na fronteira afgá, fechado o 13 de novembro despois do falecemento dun militar paquistaní.

Kabul e Islamabad manteñen unha disputa pola demarcación de 2.640 quilómetros de fronteira, ao rexeitar o actual Goberno talibán os lindes recoñecidos a nivel internacional.

Na primeira etapa no poder do talibán afgán (1996-2001), Paquistán foi xunta os Emiratos Árabes Unidos e Arabia Saudita os únicos Estados que os recoñeceron, agardando o seu apoio contra o principal rival de Islamabad, a India, acusada á vez de financiar o talibán paquistaní.

A invasión estadounidense en 2001 propiciou a fuxida de moitos talibán a Paquistán, o que acabou por derivar nun movemento propio que comparte unha visión extrema da póla sunnita do islam coa súa contra parte afgá, pero independente desde a perspectiva organizativa, que propugna a creación dun emirato islámico.

Malia que os extremistas afgáns se comprometeran con Islamabad a non acoller o grupo paquistaní no seu territorio, a falta de avances nas relacións bilaterais desde que o talibán se fixo de novo co control de Afganistán en agosto de 2021, sumado ao apoio de ambos os dous grupos a Al Qaeda, levaron a que o Goberno paquistaní aínda non os recoñecera nesta ocasión. Bilawal Bhutto Zardari, ministro de Exteriores de Paquistán, incidiu en que sen consenso internacional non darán ese paso, facendo fincapé en que é imprescindíbel un acordo con Kabul contra o terrorismo internacional e polos dereitos humanos.

A terza feira toma posesión o novo líder das Forzas Armadas de Paquistán

O tenente xeneral Asim Munir asume a terza feira como novo xefe do Exército, un dos que posúe capacidade nuclear no mundo, substituíndo o xeneral Qamar Javed Bajwa e acabando cun período, apunta Al Jazeera, de intromisión política de parte dos militares. Tamén foi acusado polo ex primeiro ministro Imran Khan de estar detrás da moción de censura que acabou co seu mandato en abril seguindo presións dos Estados Unidos, por mor do seu achegamento á India e Rusia.

Nese sentido, The Express Tribune reportou que a formación de Khan, o Movemento pola Xustiza, aprobou a disolución das asembleas provinciais do Punjab e Khyber-Pakhtunkhwa, tras decidir saír das institucións para forzar unhas eleccións anticipadas no país, que trata de recuperarse dunhas inundacións que xeraron danos por valor de 30.000 millóns de euros.

Comentarios