O novo líder de Paquistán, acusado de chegar ao poder pola inxerencia dos EUA, busca achegamento coa India

O novo primeiro ministro de Paquistán, Shehbaz Sharif, mostrou esta terza feira a súa disposición para forxar "lazos pacíficos e de cooperación" con India. Os EUA foron acusados de provocar o transfuguismo que permitiu a moción de censura ao ex primeiro ministro e a investidura de Sharif.
Durante a última semana sucedéronse multitudinarias manifestacións en apoio do ex primeiro ministro de Paquistán, Imran Jan. (Foto: Zubair Abbasi / Contacto Photo)
photo_camera Durante a última semana sucedéronse multitudinarias manifestacións en apoio do ex primeiro ministro de Paquistán, Imran Jan. (Foto: Zubair Abbasi / Contacto Photo)

O novo primeiro ministro de Paquistán, Shehbaz Sharif, mostrou esta terza feira a súa disposición para forxar "lazos pacíficos e de cooperación" con India, o que suporía un cambio de dirección na tensa relación entre as dúas potencias nucleares.

Sharif agradeceu a felicitación do primeiro ministro indio, Narendra Modi, pola súa designación como xefe de Goberno de Paquistán e expresoulle o seu desexo de alcanzar unha "solución pacífica das disputas pendentes", incluída a cuestión territorial de Jammu e Caxemira.

Sharif e Modi son vellos coñecidos, pois o irmán maior do primeiro, Nawaz Sharif, xa viaxou a Nova Deli en calidade de primeiro ministro en 2014 para asistir á cerimonia de investidura do segundo intentando mellorar as súas relacións económicas e comerciais.

Porén, nos últimos anos, ambos os países libraron tres guerras, dúas polo control de Caxemira. As disputas agraváronse despois de que, en 2019, India desposuíse a esta rexión do seu estado autónomo especial.

Sharif foi elixido novo primeiro ministro de Paquistán nesta segunda feira despois de que Imran Jan fose destituído nunha moción de censura a fin de semana. No seu primeiro discurso cuestionou as decisións do Goberno anterior en política exterior.

Inxerencia dos EUA no cambio de Goberno

As últimas semanas en Paquistán caracterizáronse pola tensión política, escándalos de transfuguismo e multitudinarias manifestacións a favor do ex primeiro ministro, Imran Jan.

Jan sinala que os Estados Unidos de América (EUA) están detrás da moción de censura e do transfuguismo que a posibilitou. As relacións dos EUA co anterior Executivo de Paquistán non eran boas, especialmente desde que no pasado mes de maio de 2021 o país asiático negara a posibilidade de que se estabelecesen bases estadounidenses no seu solo. 

"Podemos previr que os Estados Unidos sexan vítimas do terrorismo procedente de Afganistán con bases, insistindo que os paquistanís proporcionen bases desde as que despegar e movernos", dixo en setembro de 2019 o agora presidente dos EUA, Joe Biden, durante un debate. Mais Paquistán non accedeu. 

A última base aérea estadounidense en solo paquistaní foi evacuada en 2011 despois dun bombardeo da OTAN que causou a morte de 24 soldados de Paquistán. Após ese incidente, Islamabad ordenou o seu feche.

Comentarios