Estado de emerxencia en Paquistán tras mil mortes polas inundacións

Con varias zonas do sur do país anegadas pola auga e máis de mil mortes, unha terza parte crianzas, as autoridades paquistanís decidiron declarar o estado de emerxencia.
Un home axuda os nenos a cruzar polas zonas inundadas. (Foto: PPI via ZUMA Press Wire / dpa)
photo_camera Un home axuda os nenos a cruzar polas zonas inundadas. (Foto: PPI via ZUMA Press Wire / dpa)

Paquistán está a vivir unha “crise humanitaria de proporcións épicas inducidas polo clima”, aseguraron esta sexta feira as autoridades de Islamabad, que decretaron o estado de emerxencia nacional por mor dunhas inundacións que provocaron a morte de 937 persoas, das que 343 eran crianzas, desde o 14 de xuño.

Amais, as chuvias torrenciais obrigaron 30 millóns de persoas a abandonar os seus fogares.

Sherry Rehman, ministra de Cambio Climático, destacou que abriron “unha sala de guerra” coa participación do primeiro ministro, Shabhaz Sharif, para dar resposta ás consecuencias destas “chuvias monstruosas”.

A ministra explicou que o país está pasando o seu oitavo ciclo de monzóns, cando o normal son de tres a catro ciclos anuais, con todo, “os datos cos que contamos dan a entender que poderíamos atravesar o mes que vén o noveno ciclo”.

Os datos da Autoridade Nacional para a Xestión de Desastres incidiu en que en agosto, Paquistán mediu 166,8 mm de chuvia (un milímetro de auga equivale a un litro por metro cadrado), cando a media nesta época é de 48 mm, o que supón un incremento do 241%.

O aumento das chuvias provocou inundacións repentinas, o que multiplicou os danos para a poboación, e, malia que afecta todo o país, as rexións que máis están a sufrir son as do sur paquistaní, especialmente a provincia de Sindh, onte máis de 20 municipios quedaron somerxidos. Máis de 300 persoas faleceron polas recorrentes inundacións nesta provincia. Asemade, tamén permanecen anegadas amplas zonas de Baluchistán, que rexistrou 234 mortes.

Máis de 3.000 km de estradas afectados

O primeiro ministro sinalou que “aínda que non están documentadas, as perdas son comparábeis ás inundacións repentinas de 2010”. Até o de agora, as chuvias destruíron 145 pontes, 580.000 vivendas, mataron case 800.000 cabezas de gando e acabaron con máis de 3.000 quilómetros de estradas.


 

Comentarios