Os talibán fan un ano á fronte de Afganistán gobernando "mediante a represión e con total impunidade"

Segundo un informe da ONU, as mulleres e as crianzas son os principais colectivos afectados polo réxime estabelecido polos talibán.
Refuxiados afgáns. (Foto: Bradley Secker)
photo_camera Refuxiados afgáns. (Foto: Bradley Secker)

O pasado 15 de agosto de 2021, o réxime talibán derrocou o ex presidente de Afganistán, Ashraf Ghani, e ocupou Kabul, tomando así a dirección do país asiático.

Todo isto despois de asinar co Goberno dos Estados Unidos (EUA) o Acordo de Doha en febreiro de 2020, polo que os estadounidenses comprometíanse a retirar a súa presenza militar en Afganistán.

Un ano despois, ningún país recoñeceu formalmente os talibán como lexítimos gobernantes de Afganistán, mais varios emisarios do réxime reuníronse o pasado mes de xaneiro en Oslo (Noruega) con representantes de varios países para manter conversas sobre o envío de axuda á poboación civil.

Nas últimas semanas creceu a tensión entre o Goberno estadounidense e os talibán polo asasinato do líder de Al Qaeda, Ayman al Zawahiri, en territorio afgán. O dirixente islamista residía en Kabul coa súa familia cando foi alcanzado por un proxectil enviado polos servizos de intelixencia dos EUA.

Sen dereitos e con necesidades

Nestes doce meses, a situación social da poboación afgá volveuse moi crítica, segundo denuncian institucións e organismos pola defensa dos dereitos humanos básicos.

En xullo deste ano, a ONU publicou un informe que constata as prácticas represivas do réxime talibán contra a sociedade civil, e que recolle todos os abusos que puideron constatar os enviados de Nacións Unidas a Afganistán. Entre estes, enumeran detencións arbitrarias, torturas e execucións extraxudiciais.

Os talibán están a perseguir especialmente os integrantes do goberno deposto, con 160 asasinatos confirmados polo de agora.

Outro informe presentado por Amnistía Internacional (AI) coincide coas conclusións achegadas pola ONU, e apunta que "toda esperanza de cambio [en Afganistán] esvaeceu mentres os talibán tratan de gobernar mediante a represión e con total impunidade".

As mulleres, as máis afectadas

A segregación por sexos converteuse na norma nun país onde agora as rapazas teñen vetada de novo a educación secundaria.

Ademais, a recomendación xeral pasa por que as mulleres non saian de casa se non é necesario e, de facelo, que sexa en compañía dun home e con practicamente todo o seu corpo cuberto. 

Mariya, unha moza afgá de 16 anos, reivindica en declaracións ao Fondo da ONU para a Infancia (Unicef) o seu "dereito" para volver a clase e acabar os tres anos que quedan en secundaria. "Algunhas das miñas amigas e compañeiras de clase sofren depresión", conta Mariya, que recoñece que cos talibán a diferenza entre xéneros aumentou.

Comentarios