Ultimato do Supremo do Brasil ao Exército: 24 horas para desaloxar os campamentos 'bolsonaristas'

Senadores e deputados de diferentes forzas políticas demandan unha comisión de investigación para aclarar a responsabilidade do ex presidente: "Só con Bolsonaro preso teremos paz e democracia", dixo Rogério Correia, do PT.
Enfrontamentos entre policías e seguidores radicais do ultradereitista Jair Bolsonaro. (Foto: Matheus Alves / DPA)
photo_camera Enfrontamentos entre policías e seguidores radicais do ultradereitista Jair Bolsonaro. (Foto: Matheus Alves / DPA)

Após ocupar este domingo as sedes das principais institucións do país, parte dos seguidores máis radicais do ultradereitista Jair Bolsonaro procederon a refuxiarse a última hora do día nos 'campamentos' despregados fronte ao cuartel xeral do Exército, lugar no que se concentraran previamente. Agora o Tribunal Supremo vén de dar un ultimato de 24 horas ás Forzas Armadas para o desaloxo destas instalacións.

"Nada xustifica a existencia de campamentos de terroristas, financiados coa compracencia de autoridades civís e militares de forma totalmente subversiva e sen respecto ningún cara a Constitución", manifestou, perante unha orde xudicial, o xuíz deste tribunal Alexandre de Moraes.

Ao mesmo tempo, alertou de que, no caso de incumprir esta orde do Supremo, os altos cargos das forzas policiais, o Exército e o Ministerio de Defensa serán levados ante a Xustiza. Neste senso, Globo News difundiu imaxes que cuestionan o papel da policía, pois aparecen axentes limitándose a tirar fotografías mentres os asaltantes accedían ao Congreso.

De Moraes, que nas últimas horas emitira outra orde xudicial apartando durante 90 días do seu posto o gobernador de Brasilia, Ibaneis Rocha, por ser presuntamente coñecedor destes feitos, puntualizou agora tamén que, alén dos citados 'campamentos bolsonaristas', deben ser desbloqueadas ao longo desta xornada as autovías ocupadas polos manifestantes ultradereitistas.

O propio Rocha quixo pedir desculpas ao presidente do Brasil, Lula da Silva, e aos seus homólogos no Congreso, o Senado e o Tribunal Supremo, por mor dos fallos de seguridade, dixo, que propiciaron unha situación "inaceptábel" protagonizada por "vándalos e terroristas": "Non nos decatamos en ningún momento de que esas manifestacións tomarían as proporcións que tomaron".

Comisión de investigación

A senadora Soraya Thronicke (União Brasil) demandou esta segunda feira abrir unha comisión parlamentaria de investigación para esclarecer este asalto simultáneo e as súas motivacións, así como determinar se Jair Bolsonaro foi o responsábel último do mesmo por mor dos seus polémicos e incitadores discursos contra a vitoria nas urnas de Lula da Silva, do mesmo modo que aconteceu no Congreso estadounidense en relación co asalto ao Capitolio de 2021. De feito, a comisión de Washington ditaminou a finais do pasado ano que aquela invasión á sede parlamentaria para tentar obstaculizar a investidura de Joe Biden "non ocorrería sen Donald Trump".

A proposta de Thronicke, que fora rival de Bolsonaro e Da Silva na primeira volta dos comicios presidenciais, conta xa co apoio de senadores de diferentes formacións políticas como a do actual presidente, o Partido dos Trabalhadores, ou REDE, segundo O Globo.

Tamén o deputado do PT Rogério Correia avanzou que impulsará na Cámara unha comisión na mesma liña. "Só con Bolsonaro preso teremos paz e democracia. Non vou descansar até que isto ocorra. O meu mandato será unha voz permanente neste sentido. Comprométome a solicitar un CPI sobre os acontecementos desta data", defendeu.

Comentarios