Críticas pola reacción de Feixoo: non apoia Lula tras o asalto dos ultradereitistas

Tras coñecerse o asalto dos ultradereitistas ás sedes dos tres poderes do Brasil, na capital, Brasilia, xurdiron numerosas reaccións. A que máis polémica está a espertar na Galiza é a do ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que eludiu apoiar o presidente brasileiro.

Alberto Núñez Feixoo nun acto do PP en Sevilla. (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo nun acto do PP en Sevilla. (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)

Entre as reaccións dos cargos políticos á toma violenta por parte de seguidores ultradereitistas de Jair Bolsonaro, ex presidente do Brasil, ás sedes do lexislativo, executivo e xudicial, atópase a de Alberto Núñez Feixoo, que escribir un chío que está a espertar todo tipo de críticas.

Na reacción do ex presidente da Xunta da Galiza, e dunha maneira consciente, non se condena explicitamente o asalto nin hai un apoio ao Goberno lexítimo do Brasil.

Tamén Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP, opinou sobre o ocorrido, cargando contra o Goberno de Pedro Sánchez, que condenaba o acontecido.

Máis tarde, Cuca Gamarra volvía pronunciarse: "O golpismo non ten cabida en ningures. Lembremos o fráxiles que tamén son as democracias e a obriga de fortalecelas e protexelas".

Desde a Galiza, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, amosou o seu apoio ao mandatario brasileiro: Todo o apoio a Lula e ao goberno democraticamente eleito polo pobo. É intolerábel este ataque ás institucións soberanas do Brasil. O trumpismo, tanto en versión orixinal como brasileira, é un perigo para a democracia, os dereitos e as liberdades públicas". Facía alusión, así, ao asalto ao Capitolio co que moitos medios de comunicación compararon o acontecido este domingo no Brasil.

Na mesma liña pronunciábase a europarlamentaria do BNG, Ana Miranda, quen, precisamente, asistía a pasada semana á toma de posesión de Lula como presidente.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín García Formoso, aludía ás "preocupantes as imaxes que nos chegan desde Brasil" e apuntaba que "as consecuencias do auxe dos extremismos que tratan de deslixitimar a democracia".

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, non se pronunciou ao respecto.

Comentarios