Bolsonaro condena timidamente o asalto e nega ser responsábel mentres ascenden a 300 as detencións

O Partido Liberal, co que concorreu ás últimas eleccións, vai máis aló na condena: "Este movemento en Brasilia hoxe é unha vergoña para todos nós e non representa o noso partido".
Disturbios na capital do Brasil protagonizados por bolsonaristas radicais. (Foto: Télam vía Europa Press)
photo_camera Disturbios na capital do Brasil protagonizados por bolsonaristas radicais. (Foto: Télam vía Europa Press)

Momentos de gran tensión no Brasil após o asalto simultáneo por parte de seguidores radicais de Jair Bolsonaro ás sedes dos tres poderes estatais: o Congreso —lexislativo—, o pazo presidencial —executivo— e o Tribunal Supremo —xudicial—, co obxectivo, sosteñen desde o actual Goberno brasileiro, de impulsar un golpe de Estado para derrocar o actual mandatario, Lula da Silva. O ex presidente tardou seis horas desde o inicio deste ataque simultáneo en pronunciarse, a través de Twitter e cunha mensaxe pouco contundente.

"As manifestacións pacíficas, na forma da lei, fan parte da democracia. Con todo, as depredacións e invasións de edificios públicos como as acontecidas hoxe, así como as practicadas pola esquerda en 2013 e 2017, escapan á regra", dixo.

A respecto das acusacións de Lula da Silva, que o sinalou este domingo como responsábel último por "estimular o ocorrido" cos seus discursos incendiarios, Bolsonaro rexeitounas ao considerar que "non hai probas".

"Durante todo o meu mandato estiven sempre dentro das catro liñas da Constitución, respectando e defendendo as leis, a democracia, a transparencia e a nosa sagrada liberdade", engadiu desde Florida (Estados Unidos), onde reside desde finais do pasado ano após dirixirse aos seus seguidores e pedir unha "dura oposición" a Da Silva nesta nova etapa presidencial. A este respecto, a congresista demócrata Alexandria Ocasio-Cortez exixiu "deixar de dar refuxio" a Bolsonaro após este "golpe fascista".

Porén, o Partido Liberal, co que concorreu o político ultradereitista ás últimas eleccións, desmarcouse nas últimas horas do seu candidato e condenou "vehementemente" a "depredación" do Congreso, ao tempo que demandou "que a lei sexa cumprida, fortalecendo a democracia [do Brasil]".

Máis aló foi o a nivel persoal o presidente desta formación, Valdemar Costa Neto, quen publicou un vídeo no que trasladou a seguinte mensaxe: "Este movemento en Brasilia hoxe é unha vergoña para todos nós e non representa o noso partido, non representa a Bolsonaro. A policía e a seguridade teñen que facer a súa parte. Non apoiamos estes movementos. Si apoiamos: Patria, Familia e Liberdade. Apoiamos os bos movementos. Este movemento en Brasilia hoxe foi unha vergoña para todos nós".

As autoridades policiais apuntaron que á primeira hora desta segunda feira o número de detidos en relación con estes feitos superaba os 300. O ministro de Xustiza, Flávio Dino, xa advertira de que se aplicará firmemente a lei sobre os asaltantes: "Serán identificados un a un. Isto non ten precedentes na historia do país".

Aliás, segundo informa o xornal O Globo, parte deses bolsonaristas radicais que protagonizaron o ataque simultáneo aos tres poderes do Estado regresaron ao campamento situado fronte ao cuartel xeral do Exército no que se concentraran previamente.

Condena por cuestionar as eleccións

En novembro pasado a Xustiza brasileira impuxo ao Partido Liberal unha multa económica por "litixio de mala fe" por valor de perto de 23 millóns de reais —máis de 4 millóns de euros ao cambio actual—, debido ás acusacións de fraude de Bolsonaro nos comicios presidenciais, demandando a invalidez dos votos de 59% das máquinas empregadas.

Comentarios