Lula Da Silva decreta a intervención federal de Brasilia: "Bolsonaro é o responsábel"

Despois de que milleiros de seguidores do ex presidente brasileiro, o ultradereitista Jair Bolsonaro, asaltaran no domingo as sedes do Congreso, da Presidencia e do Tribunal Supremo, na capital, Brasilia, para exixir un golpe de Estado militar contra o xefe do Executivo, Inácio Lula da Silva, quen tomou posesión do cargo hai exactamente unha semana, realizouse unha reunión de emerxencia do Goberno para decretar a intervención do Distrito Federal.

Asalto ás sedes dos tres poderes no Brasil (Imaxe: Telam / Europa Press)
photo_camera Asalto ás sedes dos tres poderes no Brasil (Imaxe: Telam / Europa Press)

O mandatario, que se atopaba en Araraquara, no Estado de Sao Paulo, para visitar os danos causados polo temporal de chuvia, prometeu investigar “quen son quen financian” as protestas que derivaron no asalto aos citados edificios que acollen os tres poderes: lexislativo, executivo e xudicial.

Nunhas declaracións públicas televisadas, Lula da Silva anunciou a intervención federal de Brasilia para deter a invasión dos ultradereitistas co fin de garantir a seguridade pública. O xefe do Executivo afirmou que as persoas responsábeis do asalto “serán castigadas”.

“A esquerda brasileira ten xente morta, e nunca un partido de esquerda invadiu o Congreso ou o Planalto. Isto non ten precedentes na historia deste país”, advertiu Da Silva.

Membros da Policía tirando fotografías

O papel das forzas de seguridade durante o asalto ás sedes dos tres poderes está rodeado de polémica. Segundo imaxes difundidas por Globo, axentes policiais limitáronse a tirar fotografías mentres os ultradereitistas accedían aos edificios. "Houbo mala fe, mala vontade. Os policías militares estaban guiando os vándalos. Os policías que participaron nisto non poden ficar impunes", dixo ao respecto Lula.

Segundo explican os medios brasileiros, a intervención federal da capital do país implica desprazar o gobernador do distrito, o opositor Ibaneis Rocha, que hai escasas horas anunciaba a destitución do seu secretario de Seguridade, Anderson Torres, quen fora ministro de Xustiza de Bolsonaro.

Que é de Bolsonaro?

"Todo o mundo sabe que hai discursos do ex presidente Bolsonaro estimulando o ocorrido e el é o responsábel". Así se pronunciaba Lula na súa intervención pública. O ex mandatario ultradereitista atópase no Estado de Florida (EUA), a onde se trasladou dous días antes de que Lula asumira o cargo. Fíxoo dicindo que perdera unha batalla "mais non a guerra".

Ás 23 horas, a Policía recuperara o control do Tribunal Supremo, mais os manifestantes seguían dentro do Congreso e no Palacio do Planalto, sede da Presidencia.

Comentarios