Suecia acode este domingo ás urnas coa crecente ameaza da extrema dereita

A formación ultra Demócratas de Suecia escalaría até a segunda posición, segundo unhas enquisas que anticipan un novo triunfo socialdemócrata mais tamén unha forte polarización que dificultaría a formación dun goberno.

A primeira ministra de Suecia, Magdalena Andersson. (Foto: Ninni Andersson / Regeringskansliet)
photo_camera A actual primeira ministra de Suecia, Magdalena Andersson. (Foto: Ninni Andersson / Regeringskansliet)

A cidadanía sueca está chamada este domingo ás urnas para designar os membros dun novo Parlamento nunha cita na que non se albisca un claro favorito mais na que a extrema dereita, en alza, podería tornar na segunda forza política.

As enquisas dan como vencedor o Partido Socialdemócrata, actualmente no poder da man da primeira ministra Magdalena Andersson, con perto de 30% dos votos segundo a media das enquisas publicadas nas dúas últimas semanas.

Porén, aínda proclamándose gañadora nas urnas, non resultará doado para Andersson manter o goberno, pois as forzas que axudaron a proclamala primeira ministra, os Verdes e o Partido de Esquerda —neste caso cunha abstención— poderían non obter un resultado suficiente para repetir a fórmula de investidura.

Todas as sondaxes coinciden en dar a vitoria aos socialdemócratas, que gobernaron o país en 69 dos últimos 86 anos, mais no segundo posto irrompería a extrema dereita, da man de Demócratas de Suecia (SD) —roldaría 20% dos sufraxios— e en terceiro lugar o actual líder da oposición, o Partido Moderado —17,4%—.

O SD, nas súas orixes cun forte raizame nazi e agora cun perfil máis moderado —se ben mantén posturas idénticas ás doutras forzas de ultradereita europeas—, entrou na Cámara sueca en 2010 e, desde entón mellorou os resultados de forma progresiva, até presentarse agora como a posíbel primeira formación da oposición, ou mesmo contribuír a un cambio de goberno.

Conservadores, liberais e centristas, antes firmes na defensa do 'cordón sanitario' á ultradereita, deixan agora a porta aberta a un pacto co SD se non entrase no goberno. Porén, se os radicais de extrema dereita tornasen en segunda forza política do país, non resultaría doado afastalos da gobernanza.

Todo isto no marco dunha campaña electoral especialmente polarizada entre os bloques de dereita e esquerda e na que estivo máis que presente a futura adhesión de Suecia á OTAN, decisión aprobada polo Parlamento meses atrás por mor do impulso dos socialdemócratas.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios