Suecia completa a adhesión á OTAN e xa é oficialmente o 32º membro

Os suecos seguen os pasos de Finlandia, que ingresou na Alianza en abril do pasado ano.
O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, e o primeiro ministro de Suecia, Ulf Kristersson. (Foto: DPA vía Europa Press / Arquivo)
photo_camera O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, e o primeiro ministro de Suecia, Ulf Kristersson. (Foto: DPA vía Europa Press / Arquivo)

Xa é unha realidade. Suecia é, desde esta quinta feira, o integrante número 32 da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), unha vez concluídos todos os trámites, 22 meses despois, para ratificar a integración, que tivo que salvar importantes escollos como as reticencias iniciais de Turquía e Hungría, país este último que deu o visto e prace definitivo a pasada semana a través da súa Asemblea Nacional.

O Departamento de Estado dos EUA confirmou que se cumpriron xa todas as "condicións de entrada". Suecia súmase así aos seus veciños escandinavos de Finlandia, que certificaron o acceso en abril do pasado ano. A bandeira sueca izarase formalmente, canda a dos outros 31 aliados, nunha cerimonia convocada para a vindeira segunda feira, día 11, en Bruxelas.

"Suecia trae consigo forzas armadas capaces e unha industria de defensa de primeira clase. A adhesión de Suecia fai que a OTAN sexa máis forte, Suecia máis segura e toda a Alianza máis segura. A adhesión de hoxe demostra que a porta da OTAN segue aberta e que cada nación ten dereito a elixir o seu propio camiño", celebrou a Alianza a través dun comunicado. E o seu secretario xeral, Jens Stoltenberg, insistiu tamén en que agora tanto a OTAN como o seu novo membro son "máis fortes e seguros".

Tamén se pronunciaron xa desde a oficina do primeiro ministro de Suecia, Ulf Kristersson: "Loitaremos pola unidade, a solidariedade e o reparto de cargas, e adherirémonos plenamente aos valores do Tratado de Washington: liberdade, democracia, liberdade individual e o imperio da lei. Xuntos máis fortes".

Comentarios