Deputadas e deputados flamencos envían unha carta a Rajoy

O SNP e os laboralistas escoceses únense contra a persecución de cargos políticos cataláns

Eurodeputadas e eurodeputados que se amosan tanto a favor como en contra da independencia uníronse para denunciar perante a Comisión Europea “a persecución de políticos elixidos democraticamente en toda a UE” por parte do Estado español.

[Imaxe: Nacio Digital] Mariano Rajoy
photo_camera [Imaxe: Nacio Digital] Mariano Rajoy

Nunha carta dirixida ao vicepresidente da Comisión Europea e responsábel de Dereitos Fundamentais, Frans Timmermans, eurodeputadas e eurodeputados do Partido Nacional Escocés (SNP) e do Partido Laboralista denuncian a “persecución” de políticas e políticos cataláns por parte do Estado español, un feito, advirten, “preocupante”.

Alyn Smith, Ian Hudghton, David Martin e Catherine Stihler alertan na misiva de que as medidas represivas adoptadas polo Estado español poñen en risco os valores fundamentais da UE, rexeitan o que consideran un posíbel abuso das euroordes e pídenlle a Timmermans que interveña. Aliás, instan a Comisión a unha “necesidade real de mediación” entre Catalunya e o Estado español.

As e os eurodeputados, rivais na política escocesa e opostos en canto á independencia, ofrécense a explicar a experiencia co referendo escocés en Bruxelas. O caso de Clara Ponsatí –que ficou en liberdade baixo fianza a pasada sexta feira- uniu ambas as formacións. Por outra banda, o actual ministro de Asuntos Escoceses do goberno británico, Ian Duncan, foi eurodeputado escocés polo partido conservador e pronunciouse a favor do diálogo entre Catalunya e o Estado español en varias ocasións. Ademais, foi observador do referendo do 1-O.

55 parlamentares flamencos envíanlle unha carta a Rajoy

Tamén 55 deputadas e deputados flamencos de cinco partidos diferentes do Parlamento flamenco, a Cámara Federal de Bélxica e a Eurocámara veñen de enviarlle unha carta ao Goberno de Mariano Rajoy na que esixen unha solución política para Catalunya, que respeite o resultado das eleccións do 21D, que desactive o artigo 155 e que retire os cargos contra todas as persoas que se dedican á política e ao activismo social.

Na carta, expresan a súa “gran preocupación” pola crise política e condenan “con firmeza” a represión do Estado español e a persecución de políticos eleitos democraticamente. Solicitan que se deixe formar Goberno en Catalunya “sen obstáculos” e lémbranlle ao Estado español que, “como membro da UE, ha de internalizar os valores e normas fundamentais, como o respeito dos dereitos humanos, a liberdade de expresión, a liberdade de asociación e o dereito de autodeterminación dos pobos”.

Entre as persoas asinantes atópase o presidente del Parlamento Flamenco, Jan Peumans; o vicepresidente do senado belga, Karl Vanlouwe e os cinco eurodeputados flamencos do grupo Verde.

Comentarios