Solidariedade co pobo palestino mentres continúa a ofensiva israelí

O BNG convoca unha concentración esta sexta feira na praza do Toural en solidariedade co pobo palestino após os bombardeos israelís que deixan xa 19 persoas.  O goberno de Israel asegura que "continuará" coa ofensiva até que "o lado oposto" diga que non pode máis.
Cartaz BNG defensa pobo palestino
photo_camera Cartaz BNG defensa pobo palestino

Perante os acontecemtos na Faixa de Gaza, onde o exército israelí iniciou unha ofensiva o pasado sábado; o Bloque Nacionalista Galego vén de convocar unha concentración para esta sexta feira en solidariedade co pobo palestino. A Confederación Intersindical Galega tamén se suma á convocatoria na capital galega, para demandar "que cesen os ataques sobre Gaza e que o Parlamento Galego exixa do Goberno español, da UE e da comunidade internacional a rotura de relacións co goberno xenocida", afirma CIG-Compostela no seu comunicado. Aliás, demanda a imposición de sancións internacionais contra do estado de Israel", como medida de resposta perante as agresións ao pobo palestino. Neste senso, fan un chamamento á clase traballadora e á cidadanía en xeral a secundaren a mobilización. 

Os bombardeos, que tiveron como única vítima a poboación civil gazací deixou, até o de agora, 19 mortes. Entre as persoas falecidas atópase unha crianza de 11 meses, cuxo pai é o corresponsal da BBC en Gaza, para alén do dirixente militar de Hamas, Ahmed Jaabari.

O primeiro ministro exipcio exixe responsabilidades á ONU mentres Merkel defende "o dereito" de Israel
O primeiro ministro exipcio, Hisham Kandil, que se atopa de visita na Faixa de Gaza, exixiu esta sexta que os Estados membros das Nacións Unidas asuman as súas responsabilidades e "poñan fin ás agresións" de Israel contra o territorio palestino. "Exipto non vai escatimar ningún esforzo para pór fin á agresión e alcanzar unha tregua" asegurou Kandil. No entanto, os principais aliados de Israel --entre eles os EUA e a UE-- seguen apuntando a Hamas como "responsábel" do aumento da violencia en Oriente Próximo. "Non hai xustificación para o disparo de foguetes contra Israel, que causou o sufrimento masivo da poboación civil", aseverou a chanceler alemá, quen reiterou o seu apoio ao goberno sionista de quen dixo "ten o dereito e o deber" de protexer a súa poboación.

As forzas armadas israelís aseguraron durante a xornada de hoxe que tiñan preparado "plans operativos para unha operación terrestre" que serían empregados "no caso de ser preciso". Porén, aseguraron fontes do executivo de Tel Aviv que continuarán coa ofensiva "até que o lado oposto diga 'é suficiente non podemos máis'".

Comentarios