Israel bombardea Gaza catro anos despois da operación 'chumbo fundido'

A operación 'Piar defensivo' desenvolvese após case catro anos da brutal ofensiva 'Chumbo fundido' en que foron asasinadas 1,3 mil palestinas na Faixa de Gaza, entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009. A ofensiva lanzada polo exército israelí desde o pasado sábado, deixa xa 19 mortes, entre elas a do lider militar de Hamás que negociaba un cese ao fogo.

Israel ataca Gaza
photo_camera Israel ataca Gaza

Israel prepárase para unhas eleccións e ataca de novo a Faixa de Gaza deixando 19 mortes, entre elas o líder militar de Hamás, Ahmed Jaabari e un bebé de once meses fillo do corresponsal da BBC en Gaza. O asasinato de Jaabari era retrasnmitido polas redes sociais desde a conta Twitter coa mensaxe "Ahmed Jaabari eliminado". Aliás, as forzas armadas israelis dan conta dos acontecementos a través das súas redes sociais e mesmo publican a propaganda feita chegar á cidadanía palestina prevendo do ataquete.
"Israel cometeu un erro que custará moitas vidas" aseguraba o pacifista israelí Gershon Baskin, unha das persoas que participou nas negociacións para a liberación do soldado sionista Gilad Shalit. Segundo Baskin, o líder militar de Hamás atopábase inmerso nun proceso de diálogo encamiñado a procurar un cesamento ao fogo. "O seu asasinato matou a posibilidade de se chegar a unha tregua", asegurou o pacifista.

EUA lexitima e apoia os bombardeos israelís

Perante o ataque a Autoridade Palestina demandou ao Consello de Seguridade das Nacións Unidas que actuase de maneira urxente e puxese fin á ofensiva israelí perante o que consideran unha ameaza para a paz internacional. Porén, o máximo órgano da organización internacional non consegui chegar a un acordo, nomeadamente pola negativa --e capacidade de veto-- dos EUA. A representante estadounidense xustificou co "dereito a lexítima defensa" a ofensiva iniciada polo goberno de Tel Aviv e denunciou a "violencia inxustificada que están a empregar Hamás e outras forzas terroristas", engadindo que "respaldamos o dereito de Israel a se defender".
Neste senso, o diplomático inglés e representante do Reino Unido no CSNU apoiou aos EUA e a Israel asegurando que Hamás é o "principal responsábel" da actual crise na Faixa de Gaza e demandou que o envío de foguetes cesaran de maneira inmediata --non así os bombardeos enviados desde o territorio ocupado por Israel--.
No entanto, Rusia, China, India e Exipto condenaron con dureza o ataque "desproporcionado contra a Faixa de Gaza" e aseguraron que son "intolerábeis". O primeiro ministro exipcio, Hisham Kandil visitará esta sexta o territorio para amosar o seu apoio incondicional ao pobo palestino. Ao coñecer a nova o goberno israelí anunciou que cesaría os ataques até que rematase a súa visita.

Pola súa banda o primeiro ministro gazací arengou á cidadanía da Faixa a non recoñecer a ocupación de Israel e a continuar loitando por recuperaren as súas casas. Aliás, Ismail Haniyeh, aseverou que "os palestinos resistirán a maquinaria asasina de Israel" e emprazounos a seguir "unidos puño con puño".

Comentarios