O soberanismo chama ao boicot do referendo en Nova Caledonia

París teima coa data actual malia a incidencia da Covid-19.
flnks_oui
photo_camera Partidarios do 'Oui' –"si", en francés–, nun acto do Flnks (Foto: Flnks / Facebook)

O politburó da Fronte Socialista de Liberación Nacional Kanak (Flnks) fixo un chamamento á cidadanía e "ao campo do Si" a "non participar" no referendo de independencia de Nova Caledonia, ante a decisión do Goberno de Francia de manter a data de 12 de decembro.

Fíxoo tras as reunións que mantivo nos últimos días co ministro de Ultramar, Sébastien Lecornu, de visita no arquipélago do Pacífico.

Durante o mandato do actual presidente galo, Emmanuel Macron, xa se realizaron dous referendos, en 2018 e en 2020 ─tal e como se estabeleceu no Acordo de paz de Nouméa (1988)─.

O 'Non' venceu nos dous casos por máis de 53%. Porén, na última consulta o apoio á independencia creceu máis de tres puntos (46,74%). Un dato relevante tendo en conta que tamén aumentou a participación en cinco puntos, até se situar en 85%.

Ante este avance, as forzas profrancesas puxaron por que esta derradeira consulta se desenvolvese o antes posíbel; e o soberanismo defendeu que se adiase até despois das presidenciais galas, previstas para abril. 

Nun comunicado de prensa, o  Flnks afirmou que "o Goberno francés insiste obstinadamente en dar prioridade á campaña presidencial co único obxectivo de liquidar o Acordo de Nouméa durante o seu quinquenio, en detrimento da consulta sobre o futuro de Nova Caledonia".

Impugnación

Neste sentido, a formación soberanista ─unha das maioritarias canda a Unión Nacional pola Independencia (UNI)─  considera que a data actual privará a cidadanía dunha "campaña electoral xusta", en condicións "aceptadas por todos os grupos políticos", e avanzou a posíbel "impugnación", e a consecuente inestabilidade no país.

Nova Caledonia vive actualmente baixo a presión da Covid-19. En setembro rexistráronse uns 10.000 contaxios e 200 mortes. Tanto a Flnks como a UNI consideran que o impacto na poboación, atemorizada, fai que non sexa este o momento máis adecuado para votar.

Comentarios