París négase a adiar o referendo en Nova Caledonia malia a incidencia da Covid

O ministro francés de Ultramar insiste en que se manterá a data do 12 de decembro.
FLNKS_oui_agosto2021
photo_camera Acto polo 'Si' no referendo, organizado pola Flnks o 22 de agosto (Foto: Flnks / Facebook)

O ministro francés de Ultramar, Sebastien Lecornu, volveu insistir na necesidade de que o terceiro e derradeiro referendo de independencia en Nova Caledonia se desenvolva o 12 de decembro, a data marcada nas conversas de finais de maio en París. "O interese xeral exixía que este referendo se convocara o antes posíbel", xustificou Lecornu na altura.

Durante o mandato do actual presidente galo, Emmanuel Macron, xa se realizaron dous referendos, en 2018 e en 2020 ─tal e como se estabeleceu no Acordo de paz de Noumeá (1988)─. O 'Non' venceu en ambos os dous casos por máis de 53% dos votos. Porén, na última consulta o apoio á independencia creceu máis de tres puntos porcentuais (46,74%). Un dato relevante tendo en conta que tamén aumentou a participación en cinco puntos, até se situar en 85%.

Ante este avance, as forzas contrarias á independencia puxaron por que esta derradeira consulta se desenvolvese o antes posíbel, en tanto que o soberanismo defendeu que se adiase até despois das eleccións presidenciais en Francia, previstas para abril. 

Preocupación pola Covid

Lecornu, en corentena en Noumeá, a capital do país, tras aterrar a semana pasada, mantivo que a data de 12 de decembro é inamovíbel. Tan só ─sostivo─ un surto descontrolado de Covid-19 xustificaría o adiamento da consulta, e neste sentido sinalou que non se debe usar a pandemia con fins políticos, segundo recolleu RNZ.

A finais desta semana haberá unha reunión entre o ministro galo e os líderes canacos. O xefe do Goberno de Nova Caledonia é Louis Mapou, presidente tamén da coalición independentista de esquerdas Unión Nacional pola Independencia (UNI). A outra fronte política do soberanismo é a Fronte Socialista de Liberación Nacional Kanak (Flnks). 

A Covid-19 preocupa no país. O mes pasado un surto de coronavirus contaxiou case 10.000 persoas, provocando a morte de 200.

Desde a UNI e a Flnks consideran que o impacto na poboación, atemorizada, fai que non sexa este o momento máis adecuado para chamar ás urnas e desenvolver unha campaña electoral en condicións nunha votación tan importante.

Segundo estipula o Acordo de Noumeá, o terceiro e derradeiro referendo de independencia debe ser desenvolvido antes de outubro de 2022. O Goberno de Macron optou por adiantalo para, defendeu, que non se inmiscise coas presidenciais. Mais para Daniel Goa, da UNI, o obxectivo é o de contentar os unionistas ─na súa gran maioría, descendentes dos colonizadores europeos─ e facilitar a vitoria do 'Non'. 

Comentarios