Sinn Fein inicia unha campaña a prol dun referendo sobre a reunificación de Irlanda

Sinn Fein pretende que a consulta se faga na vindeira lexislatura. O voceiro do SF, Gerry Adams, destaca que unha Irlanda unida e soberana é a mellor ferramenta "para a prosperidade e benestar de tod@s" e combater a crise apostando por "outro modelo" económico e social
Gerry Adams
photo_camera Gerry Adams

O Sinn Fein, o vello partido republicano con décadas de loita ás costas por unha Irlanda unida e soberana e contra a ocupación británica dos seis condados do norte da illa, deu o primeiro paso para que se convoque un referendo sobre a reunificación. O SF, con 14 deputados no Parlamento de Dublín (o 10% dos votos), e con responsabilidades de goberno no Ulster; desexa que na vindeira lexislatura da Asemblea de Irlanda do Norte (territorio baixo soberanía británica) se leve a cabo esta consulta. O apoio electoral a esta formación nos seis condados ronda o 26% dos votos, e o SF é a segunda forza política.

O voceiro republicano, Gerry Adams, afirmou que xa é hora de dar a voz ao pobo. Entende que unha Irlanda unida e soberana "xeraría emprego, prosperidade e investimentos", incidindo na soberanía como unha ferramenta acaída para combater a crise e optar por un outro modelo de desenvolvemento, en beneficio da maioría social da illa. "Xunt@s somos máis fortes", asegurou o responsábel do Sinn Fein.

A organización nacionalista destaca que a ausencia de violencia armada e que as importantes transformacións políticas e demográficas en Irlanda do Norte (onde as e os unionistas xa só representan o 40% da poboación) fan preciso ese referendo, pois o establishment que leva décadas instaurado xa non representa a realidade.

O unionismo, confiado na súa forza

A petición do Sinn Fein de realizar unha consulta foi acollida no bando unionista cunha mistura de críticas ("@s republican@s só procuran desestabilizar Irlanda do Norte", aseveran desde a DUP, a principal forza protestante), mais tamén de porta aberta ao referendo. Neste sentido, apuntan a que o unionismo non poñería trabas a esa consulta popular, afirmando que "gañariamos @s partidari@s de seguir en Gran Bretaña".

Comentarios