sábado 22/01/22

O Ministerio de Sanidade confirma a terceira dose da vacina e unha picada anual

Cando apenas a metade da poboación do Estado conta coa pauta completa da vacinación, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, confirma que será necesaria unha terceira dose dos compostos que exixen dúas picadas, amais dunha inxección anual, para manter o nivel de protección das vacinas.
A ministra de Sanidade, Carolina Darias, o 21 de xullo no Congreso. (E. Parra. POOL / Europa Press)
A ministra de Sanidade, Carolina Darias, o 21 de xullo no Congreso. (E. Parra. POOL / Europa Press)

Haberá que inocular unha terceira dose de reforzo da vacina contra a Covid-19, recoñeceu esta sexta feira a ministra de Sanidade, Carolina Darias, que non quixo pór data ao comezo desta parte do proceso de inmunización.

Mais, o primeiro é “seguir vacinando a todo o mundo até acadar, se é posíbel, o 100%” da poboación do Estado, precisou Darias nunha entrevista.

A ministra adiantou que, “sen ningunha dúbida”, cada ano se terá que recibir unha nova picada para manter o nivel de protección contra o coronavirus. Para iso, sinalou, o Executivo do Estado asinou un contrato de 1.800 millóns de euros con Pfizer e de 480 millóns de euros con Moderna, co fin de garantir a subministración de inxeccións en 2022 e 2023.

Albert Boula, director executivo de Pfizer, recoñecera en abril que unha terceira dose sería necesaria para manter o nivel de anticorpos. Xa a comezos de xullo, a farmacéutica privada  anunciou que ían efectuar a solicitude para autorizar a terceira dose, despois de finalizar un estudo ao respecto. 

Problemas coa vacinación en Madrid

Darias criticou o “caótico” proceso de vacinación na Comunidade de Madrid, que hai uns días solicitou máis picadas a pesar de ter un millóns de doses gardadas sen utilizar, “non sorprende que no resto de territorios non pase isto?”, cuestionou a titular de Sanidade.

Esta situación non se deu con Gobernos de “todo signo e cor”, salientou, antes de explicar que todos os territorios sabían a cantidade que ían recibir, “fixemos con eles proxeccións, que dispositivo tes que ter para a picada: todos os escenarios distintos”. 

Resposta a Euskadi

Esta semana, o lehendakari Iñigo Urkullu reiterou a petición ao Goberno do Estado para que o uso da máscara volvera ser obrigatorio. Darias defendeu que a norma aprobada vai na liña do que solicita Urkullu, e que este deber xa se inclúe no caso de que haxa moita xente na rúa.

A OMS critica a inxección extra, "que incrementa a desigualdade" 

Francia e Israel iniciaron a inoculación da terceira dose a semana pasada a persoas con imnunodepresión, o que está sendo cuestionado desde a Organización Mundial da Saúde (OMS). O presidente do Comité de Emerxencia da institución, Didier Houssin, destacou que “os datos científicos non xustifican polo momento esa dose de reforzo, que ademais incrementa a desigualdade". O obxectivo da OMS é que o 10% da poboación mundial estea vacinada en setembro.

"Coa segunda dose tería que ser suficiente" aclara a experta do CSIC Margarita del Val, e se algunha vacina non cumpre “é mellor descartala”. Nos Estados Unidos, o coordinador da xestión da pandemia, Anthony Faucci, pediu un “proceso rigoroso baseado na ciencia” para determinar se é precisa.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O Ministerio de Sanidade confirma a terceira dose da vacina e unha picada anual
comentarios