Darias: “Se as comunidades non cumpren, teremos que facer que cumpran”

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, amosou esta sexta feira a súa confianza en que os territorios do Estado español respecten o documento de 'nova normalidade' aprobado no Consello Interterritorial, mais avisou de que, se non o fan, o Goberno estatal terá que "facer que se cumpra".

A ministra de Sanidade, Carolina Darias. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)
photo_camera A ministra de Sanidade, Carolina Darias. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)

Así se expresou Darias nunha entrevista na Cadena Ser, despois de que os Gobernos de Galiza, Euskadi, Madrid, Castela e León e Andalucía se pronunciaran a quinta feira contra o Ministerio de Sanidade.

Darias lembrou que o documento acordado polo Consello Interterritorial é "froito do traballo previo de 13 comunidades autónomas" e non unha proposta que o Goberno estatal puxese "encima" da mesa.

"Este nace dun traballo previo en que participan 13 comunidades. Apuntouse quen quixo e por iso o elevei ao Consello. Un Consello en que algunhas autonomías pediron flexibilizar o lecer nocturno ampliando de 2 a 3 da mañá. Ninguén dixo flexibilizar outra cuestión", explicou.

Así, Darias explicou que o seu departamento asinará a orde, que será publicada no Boletín Oficial do Estado e, "a partir de aí", estudará as "medidas para considerar". En calquera caso, a ministra insistiu en que non se trata dunha "pugna partidaria", senón de "medidas sanitarias" de obrigado cumprimento.

Preguntada sobre se o Goberno ten mecanismos para obrigar as autonomías a acatar o documento, Darias sinalou que serán os "servizos xurídicos" os encargados de ditaminalo.

A resposta de Feixoo: “As ameazas non nos producen ningún efecto”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, reclamou esta sexta feira que as medidas aprobadas no Consello Interterritorial se aborden con "rigor" e "diálogo".

De feito, sobre as advertencias do Goberno estatal acerca do carácter obrigatorio destas restricións, previstas até alcanzar a inmunidade de grupo, o mandatario galego advertiu: "Este tipo de ameazas a nós non nos producen ningún efecto".

Feixoo lembrou que ao longo do último ano de crise sanitaria "cada comunidade estabelece, de acordo cos seus comités clínicos, os protocolos de apertura gradual e proporcional", un sistema que na Galiza "está a funcionar".

Aproveitou para afirmar que Galiza seguirá "co comité clínico do Servizo Galego de Saúde (Sergas) traballando e propondo aos galegos o mellor para coidalos". "Non necesitamos que o Goberno estatal nos coide, levamos coidándonos sos e acreditando que somos responsábeis", subliñou.

A Xunta, partidaria de incrementar o horario das terrazas

Sobre o contido do documento, dixo non estar de acordo cos horarios estabelecidos para as terrazas -até a 1-, xa que teñen "moitísimo menos risco epidemiolóxico" que os interiores de locais de lecer nocturno, cuxa reapertura se permitirá até as 3.

A Xunta tampouco concorda co protocolo educativo e insistiu en que quere que "antes do inicio de curso comece a vacinación dos alumnos".

Así mesmo, insistiu en que Galiza seguirá aplicando aqueles protocolos "avaliados polo comité clínico". "Este documento non foi avaliado polo comité clínico do Sergas, porque nin sequera sabiamos que ía ser obrigatorio", engadiu.

Comentarios