A Comunidade de Madrid reclama vacinas mentres mantén un millón na neveira

Desde o comezo da pandemia, a xestión da situación na Comunidade de Madrid -dirixida polo PP- é un dos focos de conflito co Goberno do Estado de PSOE e Unidas Podemos. Malia as reclamacións constantes de Isabel Díaz Ayuso, a lentitude do proceso de vacinación cuestiona o éxito das súas políticas.
Centro de vacinación do Corte Inglés en Madrid o 7 de xullo. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
photo_camera Centro de vacinación do Corte Inglés en Madrid o 7 de xullo. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)

A Comunidade de Madrid é a máis afectada pola pandemia segundo os datos do Instituto de Estatística estatal, que rexistran un aumento do 41,2% de falecementos na serie histórica en 2020, case nove puntos porcentuais por riba do seguinte territorio, Castela -A Mancha, que sufriu un incremento de mortes do 32,3%.

A particular xestión da pandemia, caracterizada polo conflito co Estado na defensa de restricións mínimas, foi criticada duramente pola oposición no lexislativo rexional, encabezada por Más Madrid.

O desmantelamento da sanidade pública e a privatización dos servizos públicos que van quedando é unha das críticas cotiás a xestión de Isabel Díaz Ayuso e o Partido Popular, que argumenta que a Comunidade está desfavorecida polo Executivo estatal, como proba diso reclamaba hai apenas tres días máis vacinas para continuar coa campaña de inmunización, solicitude atendida esta quinta feira polo Ministerio de Sanidade.

Malia estas peticións, o proceso de inoculación en Madrid, privatizado en parte despois do pacto co Corte Inglés, Acciona e o grupo Santander para que se encargaran de vacinar nos seus locais, é o máis lento do Estado, con máis dun millón de doses entregadas á Administración que seguen gardadas nas neveiras.

Nas estatísticas do Ministerio, actualizadas esta quinta feira, infórmase de que a rexión presidida por Ayuso utilizou o 86% das vacinas que recibiu, 7.515.545 doses entregadas e 6.500.279 postas, a pesar de recibir menos que Catalunya ou Andalucia, con arredor de 600.000 e 450.000 vacinas sen usar respectivamente.

Os problemas de planificación e distribución que denuncian as plataformas pola sanidade pública, tivo esta sexta feira, 16 de xullo, o seu último episodio, coa suspensión de citas para recibir a primeira inxección de Pfizer, aínda recoñecendo que conta con case 400.000 doses. Ao tempo, anunciaban a devolución de 200.000 doses de AstraZeneca por rematarse a poboación á que vai indicada.

Inxeccións de sobra e persoas perseguindo a inoculación

A confusión nas últimas semanas de vacinación está dando lugar a situacións contraditorias na rexión da capital do Estado. Os medios locais revelan que diante do volume de doses por inocular, os centros de saúde están a optar por vacinar calquera persoa que pase polas instalacións, como afirman doentes que se achegaron por unha consulta e saíron coa primeira parte da pauta.

Á par, varios destes centros tiveron que pór carteis na porta sinalando que non tiñan inxeccións de sobra, polo movemento de persoas que aínda non foran chamadas ou que non asistiron a súa quenda de vacinación que percorrían distintas institucións na procura da picada. Noutros territorios, estase a pedir un novo repartimento de vacinas, pola cantidade de solicitudes rexistradas en zonas de costa.

Comentarios