A OMS alerta dunha nova onda da Covid que ameaza toda Europa

O turismo convértese nun factor de risco na expansión da pandemia no continente. Europa está de novo nunha fase de máxima alerta sanitaria. A OMS acaba de advertir da crítica situación no continente e demanda aos Executivos europeos extremar as medidas de seguridade. Portugal é o último Estado en aprobar propostas de contención dunha pandemia que non dá tregua.
Turistas británicos gozando do sol na cidade portuguesa de Lisboa. (Foto: Europa Press) #coronavirus #portugal #contaxios #oms #covid19 #sanidade #pandemia
photo_camera Turistas británicos gozando do sol na cidade portuguesa de Lisboa. (Foto: Europa Press)

O turismo e a variante Delta do coronavirus volven colocar Europa en estado de alarma. Segundo un comunicado emitido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) nesta cuarta feira, “na última semana rexistrouse un incremento medio dos casos de 10%” no continente. Ao tempo, a entidade deu por feito que “no próximo mes de agosto o 90% dos casos novos corresponderanse coa variante que tivo orixe na India”, polo que chamou “á disciplina social da poboación”, ao tratarse dunha mutación do virus varias veces máis contaxiosa que a orixinal.

O responsábel da OMS para Europa, Hans Kluge, asumiu que “haberá unha nova onda na rexión europea” e responsabilizou do aumento dos casos “ao crecemento dos contactos, ás viaxes e ao fin das restricións sociais”. “Malia os esforzos considerábeis dos Estados europeos, millóns de persoas aínda non estarán vacinadas en agosto”, sinalou Kluge, quen advertiu do risco dese mes “un período de vacacións e no que haberá aínda menos restricións”. Na mesma liña, expresou as súas dúbidas sobre as medidas dos Gobernos para tentar salvar a tempada turística e os seus riscos na saúde da poboación.

As consecuencias do turismo déixanse notar no aumento de casos. A este respecto, preocupa na Organización Mundial da Saúde os contaxios asociados á Eurocopa de fútbol que se está realizando en diversas sedes ao longo de todo o continente. Así, as autoridades sanitarias escocesas identificaron case 2.000 positivos entre as persoas que asistiron a algúns dos encontros da súa selección nacional, até o punto que o servizo público de saúde escocés sinalou que “entre 11 e 28 de xuño, 1.991 dos cidadáns escoceses que deron positivo acudiron a un ou varios partidos nos estadios de Hampden Park, en Glasgow, ou de Wembley, en Londres”  

O efecto da Eurocopa

O debate sobre a conveniencia do evento ten saltado á palestra política, unha vez coñecida a decisión da UEFA de facer as semifinais e a final da competición en Londres. Neste sentido, o vicepresidente da Comisión Europea, Margaritis Schinas expresou as súas “dúbidas” sobre esta localización, estimando que os organizadores deberían “analizar con coidado” unha decisión que “pode traer graves consecuencias”. Nunha liña semellante, o primeiro ministro italiano, Mario Draghi, manifestou a semana pasada que “agardo que a final non teña lugar nun país onde os contaxios están a medrar rapidamente”, en relación con Inglaterra, que marcou nos últimos días rexistros de 20.000 novos positivos por día.

Os Estados máis expostos ao turismo estanse vendo obrigados a tomar decisións para enfrontar a situación. Malia a súa negativa inicial a adoptar restricións polas presións dos grandes grupos económicos, Portugal vén de acordar nesta quinta feira novas medidas de confinamento, o que representa unha importante marcha atrás en relación coa táctica deseñada.

Así, en 45 concellos, onde residen catro millóns de portugueses, está prohibido circular na rúa a partir das 11 da noite, impedíndose as saídas e as entradas na área metropolitana de Lisboa desde as tres da tarde da quinta feira até as seis da madrugada da segunda feira. 

As restricións teñen chegado á hostalaría e ao comercio en diversas zonas de Portugal. Neste sentido, nos 45 concellos sometidos a limitacións, os comercios e restaurantes deben permanecer fechados desde as tres e media da tarde as fins de semanas e días festivos, permitíndose a apertura con capacidade limitada o resto dos días até as 10 da noite. Ao tempo, na área metropolitana de Porto tense dado marcha atrás ás medidas de desconfinamento, asumíndose desde a patronal portuguesa a posibilidade de enfrontar un “verán perdido como o do ano anterior”.  

Comentarios