Sánchez estrea a presidencia española da UE en Ucraína

O presidente do Executivo estatal viaxou a Kíiv o mesmo día en que se inicia a quenda do Goberno de España na presidencia do Consello da Unión Europea.
Volodomir Zelenski e Pedro Sánchez este 1 de xullo en Kíiv. (Foto: Goberno de Ucraína).
photo_camera Volodimir Zelenski e Pedro Sánchez este 1 de xullo en Kíiv. (Foto: Goberno de Ucraína).

O presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, prometeu apoiar a Ucraína "o tempo que faga falta" e "sen importar o prezo que haxa que pagar" para que o país volva ser "libre" e capaz de decidir o seu "propio destino como membro da familia europea".

Ademais deu o seu apoio a que o país entre na UE e a potenciar a participación política de Ucraína a través da creación dun Consello OTAN-Ucraína.

Así o expresou nun discurso ante o plenario do Parlamento ucraíno durante a primeira xornada da Presidencia española do Consello da Unión Europea, onde defendeu que só Ucraína pode fixar "os termos e os tempos das negociacións de paz".

Máis axuda militar

Nunha rolda de prensa xunto ao presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, tras unha reunión no palacio presidencial en Kíiv, Sánchez anunciou que o Estado español enviará a Ucraína máis "material militar pesado", incluíndo catro tanques Leopard e vehículos blindados de transporte de tropas.

Ademais, informou de que España entregará a Ucraína un hospital de campaña con capacidades cirúrxicas que "debería mellorar a capacidade" do país "para curar aos feridos preto da fronte".

Pedro Sánchez destacou que España proporcionou atención médica nos últimos meses a 650 cidadáns ucraínos en España e resaltou a formación en Zaragoza de médico ucraínos "a nivel de técnicas modernas". Segundo aseverou, máis especialistas ucraínos chegarán a España para recibir estas formacións durante tres semanas.

O presidente do Goberno lembrou o seu anuncio de 55 millóns de euros para a reconstrución de Ucraína e indicou tamén que os territorios do Estado seguirán a recibir "máis de 180.000 desprazados ucraínos" até que o país "poida gozar dunha paz xusta" que lles permita volver.

Entrada na UE

Na súa visita a Ucraína no primeiro día da presidencia española do Consello da UE Sánchez garantiu o "compromiso político claro e inequívoco" das institucións comunitarias para que o país se converta en Estado membro.

Segundo indicou, ten que "gardar certa neutralidade a respecto diso", mais precisou que as informacións que emitiu a Comisión Europea é de "recoñecemento ás reformas" que está a facer o Goberno de Zelenski: "O informe é positivo e mostra un progreso significativo".

Críticas de Feixoo

O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, declarou este sábado a súa "lealdade e compromiso" para que este semestre no que a presidencia do Consello da Unión Europea (UE) recae sobre España sexa un "éxito de país".

Con todo, contrapuxo o rexeitamento de Podemos ao gasto militar e o feito de que o Sánchez, iniciase a Presidencia do Consello da UE prometendo apoio a Ucraína: "Comprenderán vostedes que aos españois tómannos de broma na UE".

"Non é capaz de facer calar ao seu Goberno, polo menos mentres el fala. Sería o mínimo que podemos esixir", engadiu este sábado en Gimenells (Lleida) durante un acto do PP sobre agricultura e gandería.

Comentarios