Sánchez convoca para a cuarta feira a Conferencia de Presidentes para enfrontar o virus "con medidas compartidas"

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou este domingo a data en que se reunirá Conferencia de Presidentes: o vindeiro 22 de decembro pola tarde. 

Sánchez convoca Conferencia de Presidentes para a 22 de decembro (Foto: M. Fernández. Pool / Europa Press)
photo_camera Sánchez convoca Conferencia de Presidentes para a 22 de decembro (Foto: M. Fernández. Pool / Europa Press)

Ante a escalada de contaxios da sexta onda da pandemia, o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, convoca a Conferencia de Presidentes para este 22 de decembro. A reunión será telemática desde o Senado e convocouse para abordar a situación da Covid-19 e reforzar a cogobernanza e a cooperación institucional, ante o avance de contaxios nas últimas semanas. Así o destacou Sánchez, que afirmou que a reunión buscará facer fronte ao coronavirus "con medidas compartidas" para pór en marcha "ao longo das próximas semanas". 

"España rexistra unha incidencia acumulada de 511 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, segue sendo unha incidencia inferior aos países da nosa contorna, pero que non o podemos dar por bo", sinalou Sánchez este domingo. 

O presidente avisou de que a situación actual "advirte dun risco certo e real", polo que "exixe intensificar" as accións, razón pola que decidiu convocar a Conferencia de Presidentes.  

Unha nova onda con características diferentes 

Sánchez subliñou tamén que esta nova onda da pandemia reviste "características diferentes" e afecta "en circunstancias moi distintas". Neste sentido, destacou: "Con cifras notabelmente superiores de contaxios, hoxe temos cifras de hospitalizacións e ocupación de UCI inferiores ás que tiñamos hai tan só un ano". 

"Por tanto, a primeira conclusión que debemos extraer é que as vacinas funcionan e que esta crise sanitaria só se pode atallar grazas á luz da ciencia", aseverou. 

Neste contexto, reivindicou que, a diferenza de hai un ano, cando aínda non se administrara ningunha vacina, a inmunización alcanza na actualidade 90% da poboación maior de doce anos con pauta completa. 

Resaltou a aplicación das doses de reforzo, con máis de 80% das e dos maiores de 70 anos que recibiron a terceira dose adicional, mentres son máis da metade entre a poboación de entre 60 e 69 anos. En total, remarcou, administráronse xa máis de dez millóns de doses de reforzo. 

Sánchez saudou tamén á "resposta formidábel" da poboación no inicio da vacinación de menores de entre cinco e once anos xa que en "en tan só tres días vacinouse a case 5% desta poboación". 

"Para entender a magnitude do reto que supón a campaña de vacinación, pode bastar este dato: só na pasada sexta feira foron administradas en España medio millón de dose de vacinas", continuou o presidente, para insistir así en que "a vacinación é a mellor arma contra o virus" e débese " perseverar nela". 

Ante este proceso de vacinación que, dixo, "está a espertar admiración en todo o mundo", Sánchez expresou a súa gratitude polo traballo das e dos profesionais sanitarios. 

Medidas “complementarias”  

Con todo, insistiu na necesidade de medidas "complementarias" que "sempre deron bos resultados", como o uso das máscaras, e "todas as medidas de prevención". 

"O virus segue connosco e o seu combate debe seguir sendo prioridade para todas as Administracións", agregou Sánchez, para incidir en que o "camiño" debe seguir sendo o de abordar de "maneira coordinada" a resposta ante a pandemia, motivo polo que reunirá de novo as e os presidentes autonómicos. 

Por último, trasladou unha mensaxe de "tranquilidade e confianza" á poboación: "Andamos xuntos a parte mais dolorosa do camiño e xuntos imos culminar esta travesía protexendo a vida e a saúde". 

A última Conferencia de Presidentes foi o pasado 30 de xullo en Salamanca.  

Tras a Conferencia de Presidentes do 22 de decembro, está previsto que a seguinte decorra a mediados de xaneiro de 2022 na illa da Palma. 

Comentarios