A desigualdade esténdese á vacina contra a Covid-19 tras un ano de vacinación

Após un ano do inicio do proceso de vacinación en todo o mundo, o repartimento das vacinas convértese nunha nova ferramenta de desigualdade.
Vacinación dunha crianza en Venezuela co composto cubano Soberana 02, a pasada semana. (Foto: Jesus Vargas / dpa)
photo_camera Vacinación dunha crianza en Venezuela co composto cubano Soberana 02, a pasada semana. (Foto: Jesus Vargas / dpa)

O 11 de agosto de 2020, o ministro de Saúde de Rusia, Mikhail Murashko, anunciaba a autorización gobernamental para a vacina Sputnik V, desenvolta polo Centro Nacional de Investigación de Epidemioloxía e Microbioloxía Gamaleya. Era o primeiro composto contra a Covid-19 que un Estado aprobaba, cinco meses despois de que a expansión do virus fora cualificada de pandemia a nivel mundial.

Nos países occidentais, a primeira picada non chegou até o 8 de decembro do ano pasado, cando Margaret Keenan, unha británica de 90 anos, recibiu a vacina de Pfizer-BioNTech no Hospital Universitario de Coventry.

Tras un ano, inxectáronse 8,51 mil millóns de doses dalgunha das 28 vacinas que se están usando en todo o planeta para loitar contra o SARS-CoV-2. O 57,6% da poboación mundial recibiu a estas alturas cando menos unha dose, indica a ferramenta de seguimento impulsada pola Universidade de Oxford.

Porén, o repartimento destas vacinas está a ser moi desigual, mentres que Europa ronda o 64% de poboación con cando menos unha dose, dato que aumenta até o 73% na rexión dos Estados Unidos e Canadá, en África só o 12% das persoas recibiron unha picada.

Impulsada pola China, India e Australia, a rexión de Asia-Pacífico alcanza o 67% de poboación cunha inxección, ao tempo que América Latina inoculou cunha dose como mínimo ao 70% de habitantes.

Con todo, as maiores diferenzas obsérvanse entre rangos de ingreso. The New York Times salienta que o 73% das picadas se produciron en países de ingresos altos ou medio altos. No que atinxe aos Estados de ingresos máis baixos, puxeron o 0,8% das máis de 8 mil millóns de doses aplicadas no mundo.

Fracaso de Covax

Esta situación amosa o fracaso do mecanismo Covax, auspiciado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dotar de vacinas aos países menos desenvoltos. A pesar de que en teoría ten comprometidas máis de catro mil millóns de doses, en 12 meses foron repartidas 693,5 millóns, menos do 17% das comprometidas e arredor do 8% das utilizadas no mundo. E o continente máis afectado por isto é África.

A súa porcentaxe de persoas coa pauta completa de vacinación, 7%, é sensibelmente máis baixa que a media dos países de ingresos medio baixos, que se sitúa no 28%. Con respecto ás e aos profesionais do eido sanitario, só un de cada catro está inoculado.

Ao problema para acceder ás vacinas, hai que sumar as limitacións de subministracións, Unicef alerta dunha escaseza de dous mil millóns de xiringas dun só uso. Ademais, hai lugares que non contan coa infraestrutura precisa. “En áreas rurais e remotas a campaña de vacinación non mellorou como nos gustaría”, sinala Richard Mihigo, coordinador do Programa de Inmunización e Desenvolvemento de Vacinas da OMS en África.

O presidente chinés, Xi Jinping, prometeu na recente cimeira entre o país asiático e África que entregarían mil millóns de vacinas para acabar co coronavirus no continente.

Ómicron

Na rexión foi detectada a variante Ómicron, froito do bo facer de Suráfrica no proceso de secuenciación do virus. Mihigo sostén en Nature que é o resultado de telo circulando entre grandes poboacións, dándolle a oportunidade de mutar.

Michael Marks, profesor asociado do Departamento de Investigación Clínica da Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres (Reino Unido), acusa os países máis desenvoltos das restricións de viaxe en contra de Suráfrica, o que aproveitarán para aumentar a súa poboación inoculada.

“Iso podería ser bo para estes países, mais a vacinación tripla dun pequeno número de persoas cando hai unha cobertura global non equitativa é probabelmente un factor importante na aparición de variantes”, asegura Marks.

28 vacinas

A aparición da Covid-19 deu comezo a unha carreira contra o reloxo para deseñar e desenvolver preparados que permitiran minimizar sobre todo os efectos mortais da infección, fomentando a investigación científica en laboratorios públicos e privados.

Aínda que a OMS só brindou autorización para oito vacinas: Pfizer-BioNTech, Moderna, Janssen, AstraZeneca, a india Covaxin e máis dúas chinesas, dos laboratorios Sinovac e Sinopharm; até 28 vacinas foron aprobadas por cando menos un país e están sendo aplicadas.

A nivel mundial, AstraZeneca (127 países), Pfizer-BioNTech (115), Janssen (89), Moderna (80), Sputnik V (74) e Sinopharm (73) son as máis utilizadas.

Deixando a un lado países como a China, Rusia ou a India, con varios compostos en funcionamento, tamén o Xapón, Irán, Casaquistán ou Cuba puxeron en marcha as súas propias vacinas. O caso de Cuba é paradigmático, a nación caribeña conta con tres vacinas en funcionamento e é nestes momentos o país do mundo con máis doses inoculadas por habitante, 256 picadas por cada 100 persoas.

Inxentes beneficios

A creación das vacinas contra a Covid-19 permitiu aos laboratorios privados que as promoveron multiplicar o seu beneficio, após recibir investimento público para o seu desenvolvemento. Pfizer, BioNTech e Moderna subliñaron na súa última estimación de beneficios que obterán en 2021 arredor de 62.000 millóns de euros pola venda das vacinas.
 

Comentarios