Rusia retira parte das tropas da fronteira mentres Occidente sinala o 16 de febreiro como 'día D'

Os EUA recomendan tamén abandonar Belarús: "A situación é impredicíbel".
Exercicios militares conxuntos das forzas armadas de Rusia e Belarús, o pasado 10 de febreiro (Foto: Alexey Kudenko / Sputnik).
photo_camera Exercicios militares conxuntos das forzas armadas de Rusia e Belarús, o pasado 10 de febreiro (Foto: Alexey Kudenko / Sputnik).

O Goberno da Federación Rusa anunciou esta terza feira a retirada de parte das unidades do Exército despregadas nos territorios lindeiros con Ucraína, segundo informa a axencia de noticias Sputnik. "Os destacamentos dos distritos militares Sur e Oeste que cumpriron as súas misións prepáranse esta terza feira, 15 de febreiro, para volver a cadansúas bases", sinalou o portavoz do Ministerio de Defensa, Ígor Konashénkov.

As tropas de Belarús e Rusia viñan facendo manobras militares conxuntas nas últimas datas, segundo o Kremlin, e rematarán por completo o vindeiro domingo para despois "regresar aos lugares do seu emprazamento permanente".

"Os agregados militares das embaixadas estranxeiras na República de Belarús, así como representantes dos medios de comunicación, foron convidados a presenciar as manobras prácticas en calidade de observadores", engadiu Konashénkov.

Tensión na fronteira

A escalada de tensións das últimas xornadas na fronteira de Ucraína, motivada tamén pola presenza de tropas rusas en Belarús, levou ao departamento de Estado dos Estados Unidos de América (EUA) a instar a súa cidadanía a non viaxar ao país gobernado por Aleksandr Lukashenko ou abandonalo no caso dos residentes actuais.

"A situación é impredicíbel", alerta o Goberno estadounidense, que esta segunda feira, a través do seu secretario de Estado, Antony Blinken, avanzou o fechamento da embaixada dos EUA en Kiev e o traslado do persoal diplomático á cidade de Leópolis, perto da fronteira con Polonia.

16 de febreiro, o 'día D'?

Desde as forzas occidentais seguen a advertir dun hipotético ataque ruso a Ucraína. "Existen todos os elementos para unha forte ofensiva das forzas rusas? Si, é certo. É posíbel, e é posíbel rapidamente", apuntou na segunda feira o ministro de Exteriores francés, Jean-Yves Le Drian.

Tamén o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, fixo alusión a esta cuestión pondo, aliás, unha data concreta: "Dinnos que o 16 de febreiro será o día do ataque; converterémolo no Día da Unidade. O decreto correspondente xa foi asinado e, nese día, izaremos bandeiras nacionais, poremos cintas azuis e amarelas e mostraremos ao mundo a nosa unidade", apuntou.

Comentarios