Rusia ataca 10 rexións ucraínas após os asasinatos en Briansk

Kíiv cifra en once as persoas falecidas nos bombardeos desta quinta feira.
Edificio destruído en Hulyaipole, Ucraína, esta quinta feira. (Foto: David Young / Dpa)
photo_camera Edificio destruído en Hulyaipole, Ucraína, esta quinta feira. (Foto: David Young / Dpa)

As Forzas Armadas de Rusia lanzaron unha serie de bombardeos na madrugada desta quinta feira contra 10 rexións ucraínas, que para o Ministerio de Defensa de Moscova constituíron unha "represalia" pola incursión dun grupo armado desde Ucraína que provocou a morte de dúas persoas na provincia rusa de Briansk a semana pasada, que foi definido polo presidente Vladimir Putin como un "acto terrorista" e cuxa responsabilidade nega Kíiv.

O Ministerio salientou que derribaron instalacións militares ucraínas, empresas de Defensa,  complexos industriais vinculados e instalacións enerxéticas que os alimentan.

Ao tempo, as autoridades ucraínas denuncian que 11 persoas faleceron en distintos puntos do país polos ataques. Nese sentido, sinalaron que en Khárkiv foise a electricidade e as subministracións de auga e calefacción.

Asemade, Transnistria divulgou que freou un ataque terrorista contra altos cargos preparado polos servizos secretos ucraínos, que incrementa a tensión na zona no contexto das acusacións entre Moldova -que non acepta a independencia de Transnistria e culpa Moscova de usala para desestabilizar o Goberno pro occidental- e Rusia -que sinala cara a Chisinau por tratar de apoiarse en Kíiv para acabar coas reivindicacións independentistas-.

No que atinxe aos atentados contra os gasodutos Nord Stream, que unen Rusia con Alemaña, máis medios estadounidenses reiteraron a teoría de que unha empresa privada ucraína é responsábel -desvinculando Washington do ataque-, á vez, Moscova insiste en que é "difícil de crer" que ningún Estado estea detrás. Arredor deste asunto, o presidente polaco, Andrzej Duda, afirmou que a destrución dos gasodutos é "rendíbel para Europa".

Aliás, Rusia e a ONU citáronse para na segunda feira negociar a prórroga do acordo para exportar cereais desde Ucraína.

Comentarios